O acto de entrega terá lugar esta fin de semana no Carballiño, dentro do programa do festival que se celebra do 13 ao 16 de decembro e pechará a programación desta 34.ª edición.
A AAAG é unha entidade sen ánimo de lucro creada en 1985 que agrupa os actores e as actrices de Galicia, así como os directores e directoras teatrais. Representa a máis de 330 actores e actrices e traballa pola defensa e reivindicación dos intereses da profesión na orde cultural, social e laboral. O premio outórgase desde o FETEGA á AAAG pola súa traxectoria e o seu fondo e continuado traballo de promoción e formación no sector das artes escénicas galegas, creando a unión necesaria entre os/as profesionais do sector.
Os últimos galardoados con estes premios foron: Marta Pazos (2018), directora de escena, escenógrafa, dramaturga e actriz, fundadora da compañía de teatro Voadora; Afonso Becerra (2020), dramaturgo e director de escena; Marta Núñez (2021), programadora cultural, ou os actores Carlos Blanco (2017), Miguel de Lira (2019), e xa na pasada edición o tamén, actor, titiriteiro e fundador de Tanxarina Teatro Eduardo Rodríguez Cunha “Tatán” (2022), recentemente premiadono Lisboa Indie Film Festivalco galardón aomellor actor polo seu traballo n’O coidado’.
Os premios FETEGA son sen dúbida un dos principais valedores do prestixio do Festival do Teatro Galego. Cada ano, avalían o compoñente artístico, premia a calidade e promove a difusión cultural e o atractivo de produto presentado. Denominados desde 2017 “Premios FETEGA Dorotea Bárcena“, o festival leva recoñecendo a labor dos artistas profesionais desde 2006.
Ademais deste premio de honra á traxectoria, outorgado pola organización, o sábado 16, o público asistente elixirá tamén o mellor espectáculo dos programados este ano, mediante votación directa en furna.