A proba ciclista O Gran Camiño disputará o 24 de febreiro a súa terceira etapa entre as vilas de Xinzo de Limia e Ribadavia

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A provincia de Ourense será no mes de febreiro, co apoio da Deputación de Ourense, a protagonista da terceira etapa da proba ciclista O Gran Camiño nun trazado que unirá Xinzo de Limia con Ribadavia. Así o anunciaron hoxe no Castelo de Ribadavia, o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor; o alcalde de Ribadavia, César Fernández; o director da proba, Ezequiel Mosquera, e o exciclista profesional, Álvaro Pino, que explicaron os detalles desta competición. 

O presidente provincial asegurou que ter presenza na maior proba ciclista de Galicia, “permítenos amosar as numerosas potencialidades da provincia ante un público internacional e posicionar a Ourense no mapa do turismo deportivo”. 

O 24 de febreiro disputarase a terceira etapa deste evento deportivo que levará a algúns dos mellores ciclistas do ámbito profesional internacional a rodar por estradas ourensáns, nun percorrido cargado de natureza e desafío cun final esixente. A etapa comezará en Xinzo de Limia, localidade natal dunha gran promesa do ciclismo galego como Carlos Canal e rematará “nesta fermosa vila de Ribadavia que aglutina nun mesmo territorio as catro fortalezas que identifican a nosa provincia: patrimonio, natureza, enogastronomía  e termalismo”, sinalou Luis Menor. 

O goberno provincial continuará -tal e como comprometeu Luis Menor- a apoiar este tipo de iniciativas que poñen o foco no territorio afirmando que o ciclismo é “unha ferramenta única e idónea para promocionar un territorio xenuíno como é Ourense que leva anos a demostrar que ten capacidade para acoller probas deportivas de primeiro nivel”.  

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Pola súa parte, César Fernández agradeceu que “Ribadavia ocupe un lugar central no desenvolvemento desta proba pola provincia de Ourense” e asegurou que será unha “xornada intensa de ciclismo” que congregará a numerosos afeccionados nas rúas da vila.  

Ezequiel Mosquera asegurou que O Gran Camiño ao seu paso por Ourense, novamente en sábado, será” unha etapa divertida e importante” da competición que transcorre por preto dunha vintena de concellos. Agradeceu á Deputación a renovación do seu compromiso e aposta por este evento. Álvaro Pino adiantou que “haberá unha alta participación” e que calquera “etapa pode ser decisiva” asegurando que será un día para “gozar do ciclismo extraordinario”. 

O Gran Camiño, esencia da antiga Volta Ciclista a Galicia  

A provincia de Ourense xa tivo especial protagonismo nas dúas anteriores edicións de O Gran Camiño. No 2022, a etapa ourensá transitou desde Maceda, vila vencellada ao ciclismo, ata Luintra, en plena Ribeira Sacra. E, na segunda edición, a proba tivo un marcado carácter solidario ao seu paso pola provincia de Ourense cun percorrido que unía Esgos con Rubiá, homenaxeando a Valdeorras que viña de sufrir as devastadoras consecuencias dos incendios forestais  

O Gran Camiño é unha proba ciclista de carácter profesional que recupera a esencia da antiga Volta Ciclista a Galicia con obxectivos adaptados ás posibilidades que ofrece este deporte no eido da promoción turística do territorio. Na edición de 2024 a proba disputarase do 22 ao 25 de febreiro en catro etapas polas provincias galegas e ten como obxectivo ir máis alá dunha proba deportiva, situando a paisaxe, o patrimonio e a cultura de Galicia en todo o mundo mediante o ciclismo, o deporte máis pegado ao territorio. Mostra dilo é que na edición de 2023, Galicia chegou a 170 países de todo o mundo a través de O Gran Camiño.  

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------