A Deputación pon en marcha o novo Plan de Cooperación coa apertura do prazo para que os concellos presenten as súas propostas de investimento, gasto ou amortización de débeda

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe as bases para a elaboración e execución do Plan CooperOU, o novo modelo de financiamento para as entidades locais, que terán de prazo ata o próximo 22 de xaneiro para presentar as súas propostas

“Unha positiva noticia en tanto que os concellos xa poden planificar a execución dos fondos que recibirán da Deputación en 2024 no marco deste plan, dando resposta as súas necesidades concretas e, polo tanto, reforzando a súa autonomía e responsabilidade”, declarou o presidente provincial, Luis Menor.

A dotación do plan no primeiro ano de vixencia incluirá 3 millóns de euros que se farán efectivos na modificación de crédito prevista para o mes de marzo, alcanzando así os 17 millóns de euros

Ourense, 20 de decembro de 2023.- O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publica hoxe as bases para a elaboración e execución do Plan CooperOU, o novo modelo de financiamento para as entidades locais, que terán de prazo ata o próximo 22 de xaneiro para presentar as súas propostas de investimento, gasto ou amortización de débeda con cargo á súa correspondente achega provincial.

“Unha positiva noticia en tanto que os concellos xa poden planificar a execución dos fondos que recibirán da Deputación en 2024 no marco deste plan, dando resposta as súas necesidades concretas e, polo tanto, reforzando a súa autonomía e responsabilidade”, declarou o presidente da Deputación, Luis Menor.

A dotación do plan no primeiro ano de vixencia incluirá 3 millóns de euros que se farán efectivos na modificación de crédito prevista para o mes de marzo.

As bases publicadas hoxe no BOP establecen que o 40 % da achega provincial, “como mínimo”, destinarase a investimentos reais, “preferentemente os necesarios para a efectiva prestación dos servizos municipais obrigatorios”. O 60 % da aportación, “como máximo”, poderá destinarse a gasto corrente ou amortización de débeda, aínda que “con carácter excepcional poderase dedicar o 100 % ao programa de gasto corrente e amortización de débeda nos supostos de insuficiencia financeira manifesta”.

Tamén se permitirá incluír en ambos programas -investimento e gasto- actuacións que teñan un importe superior aos fondos provinciais recibidos en cada concello, sempre e cando a entidade local achegue o financiamento complementario.

Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes, a sección de contratación elaborará o Plan provincial de Cooperación para 2024, que deberá pasar pola correspondente comisión informativa e presentarse ao pleno ordinario do mes de febreiro parta a súa aprobación inicial.

Claves do novo financiamento: contía, reparto, destino e simplificación administrativa

O Plan CooperOU articúlase en torno a catro claves: a contía do financiamento, os criterios de reparto, o destino dos recursos e a simplificación administrativa.

Polo que respecta á contía, o novo modelo de cooperación supón case 10 millóns de euros máis con respecto á partida consignada para cooperación cos concellos nos vixentes orzamentos.

A segunda das claves radica no reparto, que se basea nunha distribución proporcional e máis xusta dos recursos en base aos criterios homoxéneos propostos pola FEGAMP. Neste reparto haberá unha parte fixa e outra variable. A parte fixa, con 8,9 millóns de euros, establécese en base a catro tramos segundo o número de habitantes de cada concello (ata 1.000, 5.000, 10.000 e 20.000), con cantidades que oscilan entre os 90.000 e os 120.000 euros. A parte variable distribúese en base á poboación (que conta nun 50 %); núcleos de poboación (20 %); índice de envellecemento (15 %); e superficie do concello (15 %).

Outro dos piares do Plan CooperOU e a autonomía municipal, consonte coa distribución por programas e porcentaxes establecidos nas bases, ademais da simplificación administrativa que vai supoñer este plan fronte á carga de traballo que supuña a tramitación das subvencións nominativas.