Aprobada a ampliación do Parque Empresarial “O Carballiño-Maside”

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

APROBADA A AMPLIACIÓN DO PARQUE EMPRESARIAL

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

O pasado día 18 o Diario Oficial de Galicia publicou a declaración ambiental estratéxica, formulada pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, relativa á Modificación puntual núm.2 do Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galicia, na que se inclue a Ampliación do Parque Empresarial “O Carballiño-Maside”, e o Consello da Xunta de Galicia, que tivo lugar o día 21, aprobouna definitivamente.

O seguinte paso e que o ámbito delimitado na APE sexa ordenado mediante un Proxecto de Interese Autonómico (en diante PIA).  Os PIA “son os instrumentos de intervención directa na ordenación do territorio da Comunidade Autónoma que teñen por obxecto planificar e proxectar actuacións para… a creación de chan destinado á realización de actividades económicas … definirán os criterios de deseño, as características funcionais e o emprazamento das actuacións obxecto do proxecto que garantan a accesibilidade e a sustentabilidade ambiental de tales actuacións(Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia).

DOG:

ANUNCIO do 14 de decembro de 2023, da Dirección Xeral de Calidade
Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, polo que se fai pública a declaración
ambiental estratéxica correspondente ao procedemento de avaliación ambiental
estratéxica ordinaria relativa á modificación puntual número 2 do Plan sectorial
de ordenación de áreas empresariais de Galicia (expediente 2021AAE2591).
De acordo co artigo 54 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de
Galicia, faise pública a Resolución do 11 de decembro de 2023 pola que se formula a declaración ambiental estratéxica correspondente ao procedemento de avaliación ambiental
estratéxica ordinaria, relativa á modificación puntual número 2 do Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia.
Esta declaración ambiental estratéxica pódese consultar no seguinte enderezo da internet: https://cmatv.xunta.gal/busca-por-palabra-clave introducindo o código: 2433/2021.
Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2023


Consello da Xunta de Galicia, que tivo lugar o día 21, e donde se aproba definitivamente.

A XUNTA MODIFICA A PLANIFICACIÓN DE SOLO EMPRESARIAL EN
GALICIA NOS VINDEIROS ANOS, QUE AFECTA 24 ÁMBITOS EN 18
CONCELLOS E PERMITIRÁ DESENVOLVER 662.000 M2 ADICIONAIS
― O Consello aproba a segunda revisión do Plan sectorial de ordenación de áreas
empresariais de Galicia (PSOAEG) e senta as bases para dotar a Comunidade de
superficie industrial axustada ás necesidades reais e coa localización máis axeitada
― Entre os cambios destacan a incorporación de dous parques de nova creación en Mos
e As Pontes de García Rodríguez, tres que mudan de localización nos concellos de
Cerceda, O Valadouro e Mondariz, e a ampliación de seis que xa estaban previstos
― Tamén se introducen modificacións noutros nove ámbitos empresariais para axustar
ou reducir o seu tamaño inicial e adaptalos deste xeito á realidade actual
― A superficie prevista no PSOAEG tras os cambios introducidos abrangue un total de
46,13 millóns de m2
—6.100 campos de fútbol— repartidos entre 127 parques

A segunda modificación do Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia
(PSOAEG) afecta un total de 24 ámbitos industriais pertencentes a 18 concellos e
planifica, entre ampliacións, áreas de nova incorporación e reaxustes na superficie
dalgúns dos que xa estaban previstos, un total de 662.321 metros cadrados de solo
industrial máis dos que se contemplaban no documento anterior.
O Consello acordou hoxe aprobar definitivamente a modificación do PSOAEG, un
instrumento de planificación aprobado pola Xunta no ano 2014 co obxectivo de delimitar
e localizar a superficie empresarial necesaria a nivel autonómico e definir á vez aqueles
ámbitos territoriais susceptibles de acoller este tipo de desenvolvementos para poder
cubrir as necesidades que xurdan neste eido a longo prazo.
O alcance da nova actualización —concibida para axustar as previsións ás necesidades
reais e actualizadas da Comunidade— afecta só unha parte dos parques e ámbitos
industriais inicialmente previstos no PSOAEG, que ven agora alterada a súa delimitación
ben reducindo a súa superficie ou eliminando parte dos seus ámbitos, ben substituíndo
algúns deles, total ou parcialmente, por outros nunha localización distinta.
En concreto e con relación ás 24 áreas afectadas pola modificación aprobada esta mañá,
cómpre destacar a incorporación ao documento de dous polígonos de nova creación nos
concellos das Pontes de García Rodríguez (nos terreos da antiga mina de lignito) e en
Mos (en resposta á demanda de solo industrial na área metropolitano de Vigo).
Tamén se aproveita a modificación para introducir seis ampliacións doutros tantos
polígonos xa existentes: A Laracha, Carballiño-Maside, O Pereiro de Aguiar, A Estrada,
As Neves (Plisan) e Vigo (concretamente, o polígono industrial de Balaídos).
Ademais, modifícase a localización de tres áreas xa programadas —os polígonos de
Meirama (Cerceda), O Valadouro e Mondariz— co fin de trasladalas a un emprazamento

máis axeitado, porque se prevé unha mellor acollida na nova localización ou porque o
traslado poida axudar a salvar algún obstáculo técnico ou loxístico.
Así mesmo, redúcese a superficie inicial prevista para o desenvolvemento doutros nove
ámbitos co fin de axustar ou diminuír o seu tamaño e adaptalos deste xeito á realidade
actual. É o caso das áreas empresariais de Cabana de Bergantiños, O Corgo, Palas de Rei,
a Cidade do Moble da Estrada, Pontecesures, Valga e os parques empresariais de Ameal,
A Garrida e Valadares, os tres en Vigo.
Por último, os reaxustes afectan tamén as fases IV e V do polígono industrial do Barco
de Valdeorras, das que se prescinde para sumar outros terreos nunha nova localización
ao carón do parque existente, e aos vigueses de Matamá-Valadares e Chan de Labrador,
que se eliminan.
Cómpre lembrar que desde a entrada en vigor da Lei de áreas empresariais de Galicia, a
finais de 2022, a Xunta xa encargou a redacción dos plans estruturantes de ordenación
de solo empresarial (PEOSE) correspondentes a tres parques incluídos nesta segunda
modificación —A Estrada, Mos e O Pereiro de Aguiar— e en breve licitará os contratos
doutros tres —Cabana de Bergantiños, Carballiño-Maside e a ampliación da Plisan—.
Tras a primeira modificación acometida no ano 2018, o PSOAEG contemplaba a
delimitación de 117 áreas empresariais emprazadas en 104 concellos, abranguendo unha
superficie de 45.474.091,19 metros cadrados.
Con esta nova revisión, que entrará en vigor tras publicarse no DOG, a planificación de
solo empresarial a nivel galego inclúe agora 127 parques cunha superficie a desenvolver
de 46.136.412,19 metros cadrados, equivalente a uns 6.100 campos de fútbol. É dicir,
permitirá desenvolver 662.321 metros cadrados máis dos previstos no plan de 2018.
Aposta pola planificación e as bonificacións
A segunda modificación do PSOAEG enmárcase nas políticas da Xunta para poñer á
disposición do tecido empresarial de dentro e fóra de Galicia solo urbanizado e con
todos os servizos para exercer a súa actividade. De feito, a través de Xestur e do IGVS, o
Goberno autonómico consolidou a súa posición como o maior promotor de solo
industrial de Galicia e o único que aplica rebaixas en todas as parcelas que comercializa.
Neste sentido, cómpre lembrar o esforzo investidor que fai cada ano a Xunta en materia
de solo industrial, a través do financiamento de novos desenvolvementos e da aplicación
desde o ano 2015 de bonificacións dun 30 % ou dun 50 % —dependendo da localización
dos parques— sobre o prezo de venda das parcelas da súa propiedade, cun balance
desde entón de máis de 3 millóns de metros cadrados de solo industrial adxudicados e
un aforro para as empresas que supera xa os 86 millóns de euros.
Só en 2023, a Xunta adxudicou un total de 233.250,30 metros cadrados polos que as
empresas pagaron 20.072.732,43 euros, o que supuxo para as mesmas e grazas aos
descontos aplicados, un aforro global de 10.756.453,26 euros.

Esta aposta do Executivo galego por favorecer o asentamento de novas iniciativas
empresariais ou a ampliación das xa existentes reflíctese nos orzamentos da
Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para
2024 en máis de 40 millóns de euros destinados a executar actuacións en 22 polígonos
industriais, incluída unha partida de 5 millóns para seguir bonificando o prezo de venda
das parcelas dispoñibles nos parques que xestiona a través de Xestur e do IGVS.