Afundación e a Fundación Robert F. Kennedy Human Rights Spain desenvolverán programas conxuntos a prol dos dereitos humanos

Miguel Ángel Escotet, presidente de Afundación, a Obra Social de ABANCA, e María Díaz de la Cebosa, presidenta da Fundación Robert F. Kennedy Human Rights Spain, asinaron hoxe un protocolo de colaboración mediante o cal ambas as entidades establecen un marco de traballo conxunto para dinamizar programas que contribúan á difusión da necesidade de concienciar sobre os dereitos humanos. Así, a partir da visión compartida, tanto por Afundación como por RFK Human Rights Spain, da relevancia de promover un maior e mellor coñecemento sobre a importancia dos dereitos humanos para a consecución de sociedades máis xustas, a programación asentarase na educación en valores, o impulso social e a internacionalización. Deste xeito, en virtude deste marco de colaboración organizaranse obradoiros, conferencias, cursos e galardóns específicos para fomentar e recoñecer o traballo a prol da defensa dos dereitos humanos, sempre desde unha perspectiva internacional, que favoreza a permeabilidade de novos enfoques e propostas.

Pola súa parte, a Universidad Intercontinental de la Empresa (UIE), da cal é reitor Miguel Ángel Escotet, e The College for International Studies (CIS University), presidida por María Díaz de la Cebosa, rubricaron tamén hoxe un acordo de colaboración mediante o cal ambas as universidades se beneficiarán de programas de intercambio e de estancias internacionais mutuos, tanto para os seus estudantes como para o seu profesorado. A partir dunha concepción humanista, as dúas institucións de estudos superiores coinciden en integrar o seu modelo académico nun contorno que permita os estudantes desenvolverse e contribuír a unha sociedade máis xusta e comprometida. Deste modo, UIE, con dous campus en Galicia (A Coruña e Vigo) e a súa sede institucional en Santiago, e CIS University, de Madrid, cuxo campus de referencia, Endicott College, está radicado en Massachussets (Estados Unidos), acordan o desenvolvemento, ademais, de programas académicos de posgrao, de conferencias e de programas formativos específicos, para cuxa participación crearán, así mesmo, un sistemas de bolsas e axudas a estudantes en aras do fomento de intercambio de coñecemento.

AVANTAR ACTIVIDADES

Con estes dous acordos, Afundación e UIE reforzan o seu papel de entidades enfocadas á internacionalización, sempre desde unha óptica baseada nos dereitos humanos, a promoción do coñecemento, a educación en valores e o compromiso social.

Fundación Robert F. Kennedy Human Rights Spain

RFK Spain é a división española da organización Robert F. Kennedy Human Rights, con sede en Washington D.C., creada en 1968 por amigos e familiares do senador estadounidense Robert F. Kennedy, asasinado ese ano, para promover o seu legado moral; entre cuxas iniciativas destaca a concesión do Premio de Dereitos Humanos con ese nome desde 1984 ao obxecto de distinguir persoas de todo o mundo que fixesen unha contribución significativa aos dereitos humanos nos seus respectivos países.

En 2019 Kerry Kennedy, filla de Robert F. Kennedy, fundou esta división española en Madrid, que enfoca a súa actividade en tres áreas principais: formación para profesores e educadores, educación en dereitos humanos e representación periódica da obra de teatro Voces desde la oscuridad, baseada no libro Speak Truth to Power, do que é autora, orientado a concienciar ao público sobre a importancia do respeto cara aos dereitos humanos e a xustiza.

The College for International Studies (CIS University)

CIS Spain é unha entidade que ten por obxecto social a educación superior e cuxa misión é brindar unha educación asentada en principios humanistas e liberais, nun contorno internacional, que permita aos estudantes desenvolverse e contribuír a unha sociedade máis xusta e comprometida. O seu modelo formativo, baseado no sistema educativo americano, contribúe ao espírito emprendedor e facilita a integración laboral en calquera contorno actual; desde un profundo compromiso social, e baseándose na excelencia académica, ofrece unha formación integral dirixida ao fomento do espírito crítico e á sensibilización intercultural. Dispón dun campus no centro de Madrid e posibilita que os seus estudantes completen os últimos anos dos Bachelor’s Degree que imparte no Endicott College (Boston, Estados Unidos de América) ou en calquera universidade dos Estados Unidos de América.