Máis dun cento de persoas vinculadas á fotografía ( entre os que se atopa a asociación carballiñesa Potiños ), o comisariado e a historiografía asinaron unha carta dirixida a todas as forzas políticas que concorren ás eleccións do 18 de febreiro na que reclaman a creación dunha institución que conserve, dixitalice, trate, organice, difunda e promova. o estudo do patrimonio fotográfico de Galiza.
“A sociedade galega, pola súa historia, ten un patrimonio fotográfico moi singular e importante. Dende os fotógrafos que estaban establecidos en pequenas poboacións ata os estudios das cidades, pasando pola fotografía afeccionada, configuraron un rico acervo que constitúe a nosa memoria visual“
Un dos obxectivos, sinalan, é poñer este patrimonio á disposición da actividade investigadora, tanto da historia da fotografía como doutras múltiples disciplinas para as que poida ser de interese.
Así, explican que boa parte dos titulares do arquivo aceptarían depositalos, coas cláusulas de cesión oportunas, nun centro destas características, o que evitaría o deterioro que, aseguran, en moitos casos están a sufrir.
Ademais, consideran que o interese pola fotografía histórica ten que ir acompañado dunha política adecuada para promover a creación fotográfica contemporánea.
Por iso, explican que quixeran que se tivese en conta esta demanda de creación dunha institución fotográfica que cumpra cos obxectivos de “reverter a situación actual, poñer en valor o patrimonio fotográfico e apostar pola fotografía como medio de creación contemporánea”.