O grupo municipal socialista defenderá, no pleno ordinario do mes de xaneiro, unha iniciativa para promover a inclusión das persoas con discapacidade auditiva no Concello de Ourense. A portavoz do PSdeG, Natalia González Benéitez, sinala que a administración local ten que ser quen de dar resposta a unha necesidade básica como é o acceso á información deste colectivo.
“Este mes de xaneiro produciuse un fito histórico no que se refire aos avances sociais do noso país coa eliminación do térmo ‘diminuído’ do artigo 49 da Constitución Española. Non obstante, a liberdade e os dereitos das persoas con discapacidade teñen que ir máis aló dos textos legais”, expón a tamén secretaria xeral do partido na cidade.
Neste senso, engadiu que Ourense aínda ten moitas contas pendentes coas persoas xordas, cuxa asociación (APSOU) leva 50 anos traballando incombustiblemente. “Por este motivo, pediremos, unha vez máis, que os plenos do corporación conten cun ou cunha intérprete de lingua de singnos, tal e como acontece no resto de administracións”, afirmou sobre un dos puntos de acordo para os que esperan acadar o apoio unánime do resto dos grupos.
Nesta liña, os e as socialistas reclaman que na nova Relación de Postos de Traballo (RPT) que se elabore se inclúa unha praza para un ou unha profesional intérprete de lingua de signos que asesore ás persoas con discapacidade auditiva á hora de realizar trámites ou consultas relacionadas coa administración local.
Ademais, o grupo municipal considera imprescindible que, co gallo do 50 aniversario da entidade que atende a toda a provincia, o executivo local formalice un convenio de colaboración anual coa APSOU para respaldar e apoiar a actividade da entidade. Así mesmo, reclaman que se organice un acto de recoñecemento ao seu labor para a cidadanía ourensá, por parte de toda a corporación municipal e o Concello.