A Deputación de Ourense pon en marcha o proxecto “Ourense Renova” para buscar solucións aos retos dos residuos na provincia

A Deputación de Ourense vén de poñer en marcha o proxecto “Ourense Renova” co que pretende buscar solucións aos retos dos residuos na provincia. Con este fin, implantouse un Laboratorio de Innovación Aberta que busque solucións efectivas para este desafío, involucrando a diversos actores do ecosistema que poidan achegar a súa visión práctica e coñecementos ao Laboratorio.

Na mesa de traballo inicial deste Laboratorio, celebrada no Centro Cultural Marcos Valcárcel, o persoal técnico da Deputación definiu os obxectivos a tratar e o enfoque do principal desafío que se abordará en futuras sesións que ten por lema: “Reducir, separar e recoller de maneira máis eficiente os residuos na provincia de Ourense para evitar custes innecesarios”.

AVANTAR ACTIVIDADES

O Laboratorio constará de dous días de traballo para analizar os desafíos actuais da provincia, coa participación de 80 persoas de diferentes ámbitos (emprendedores, servidores públicos, asociacións, empresarios, cidadáns, políticos) que traballarán en conxunto, para propoñer solucións aplicables a través de dinámicas que fomenten a creatividade e a perspectiva única do territorio.

O Laboratorio culminará coa elaboración dun informe final que proporcionará conclusións con posibles solucións para implantar na provincia, mellorando de maneira eficiente e inmediata a súa integración.