A formación nacionalista denuncia que a lona instalado na Avda das Caldas no que se anuncia a construción do Parque Coto de Canedo “é mentira e pura propaganda pois a día de hoxe non hai crédito para a súa execución e o movemento de terras da zona correspóndese cunha obra duns particulares”
En canto á cartelería en Marcelo Macías, desde o BNG sinalan que “hai que ter moi pouca vergonza xa que o Concello recepcionou no seu día esa obra coñecendo informes dos técnicos municipais que denunciaban as múltiples deficiencias da mesma, algo que por certo, levamos desde o BNG ao Parlamento galego”
Ourense, 08 de febreiro de 2024. O Grupo municipal do BNG no Concello de Ourense ven de denunciar o uso partidista e con claros fins electoralistas de recursos públicos do Concello de Ourense por parte de Democracia Ourensana.
Desde o BNG refírense á cartelería instalada tanto en Marcelo Macías como na fonte inaugurada hai uns meses pola Xunta de Galiza nas proximidades da capela dos Remedios. En ambos casos, o Executivo Local denuncia que os defectos na execución das obras é responsabilidade da Xunta e que polo tanto é o Goberno galego quen ten que facerse cargo das reparacións.
Luís Seara, Portavoz do BNG no Concello asegura que, “resulta insultante que agora o Goberno Local sinale e denuncie a mala execución das obras en Marcelo Macías cando o Concello recepcionou ás mesmas con varios informes elaborados polos técnicos municipais nos que xa se advertían as múltiples deficiencias durante a execución das mesmas, algo que por certo, denunciamos desde o BNG mesmo no Parlamento galego”.
Diante disto, Seara ten claro que “Jácome non pode botar balóns fora e pórse de perfil, existe unha corresponsabilidade entre a Xunta e o Concello, uns pola mala execución da obra e os outros por recepcionala pese a ter informes técnicos en contra”.
Parque Coto de Canedo.
No relativo á lona instalada na Avda das Caldas e na que se anuncia a construción do Parque Coto de Canedo cunha inversión superior aos 7 millóns de euros e un prazo de execución de 8 meses, desde o Grupo municipal do BNG cualifican o feito como “un gran engano e unha gran mentira. O Goberno local anuncia o inicio das obras dun proxecto para o cal non ten crédito asignado e aproveita os movementos de terras que están executando uns particulares para enganar á xente e dar a sensación de que os traballos que alí se están facendo corresponden coa obra do parque”.