Alfonso Rueda remata a súa campaña en Ourense e pide á provincia os resultados espectaculares que sempre lle deu ao PP

Hoxe, nun mitin-festa fin de campaña en Ourense acompañado pola cabeza de lista pola provincia, Elena Rivo, a tamén candidata Victoria Núñez e o líder provincial do PP, Luis Menor

AVANTAR ACTIVIDADES

●         Quixo trasladar tamén o seu orgullo polo feito de que o PP de Ourense estea tan forte e unido

●         Luis Menor reivindica o seu pacto con Alfonso Rueda para a cidade de Ourense: “Un compromiso coa cidade que recolle 12 propostas concretas, serias, rigorosas e realizables, con proxectos cuantificados nos ámbitos sanitario, de vivenda, servizos sociais, transporte público, mobilidade sostible, deporte, turismo ou a mellora dos servizos administrativos”

●         Elena Rivo: “Somos a Galicia da confianza fronte aos bandazos dos demais, ofrecemos unidade fronte as liortas doutros e traballamos por solucionar os problemas, non por aumentalos”

16 de febreiro de 2024. O presidente e candidato do PPdeG, Alfonso Rueda, rematou esta noite a súa campaña na cidade de Ourense trasladando o seu orgullo polo feito de que o PP de Ourense estea tan forte e unido e apelando aos bos resultados que o partido sempre acada na provincia.

Nun mitin-festa celebrado na cancha central do Pavillón dos Remedios, o líder dos populares galegos propuxo unha Galicia que funcione desde o primeiro momento e ao xeito de Galicia: con unidade, con sentidiño e coa esixencia de mellorar cada día. Por iso pediu o voto “por todo o que podemos acadar se en Galicia permanecemos xuntos”.

Ante aos asistentes ao mitin-festa de fin de campaña celebrado en Ourense, reivindicou que, fronte á Galicia do separatismo –na que só cabe un xeito de pensar, un xeito de sentir e un xeito de falar–, na Galicia que el propón todos os galegos teñen cabida.

Chamou a esquivar os obstáculos que impiden o avance e a evitar un porvir cunha sociedade partida votando pola Galicia que funciona e que ten que seguir sendo como é, por moito que algúns queiran impoñer aos galegos como teñen que ser.

Rueda quere, coa confianza dos galegos, comezar a construír a Galicia da nova década desde o próximo luns. Unha Galicia na que cada galego poida elixir o seu xeito de vivila e sexa dono do seu propio futuro sen imposicións nin complexos, senón desde a liberdade e en plenitude

Reafirmando o orgullo de ser galego, pediu o voto ofrecéndose a liderar a Galicia que se sinte orgullosa do que é, que vai unida cara adiante, que constrúe España, na que se pode confiar, que non imita problemas alleos. Unha Galicia, en definitiva, que funciona libre de imposicións e submisións a intereses ideolóxicos e persoais.

LUIS MENOR: “OURENSE NON VAI FALLAR”

O presidente provincial dos populares, Luis Menor, proclamou que “Ourense non vai a fallar” este domingo. Afirmación que avalou logo da multitudinaria resposta á convocatoria do mitin nos Remedios: “Todo un desafío volver a encher esta cancha central e darlle outra noite gloriosa ao PP”.

Menor, que fixo unha mención especial “a todos os ourensáns que desde moitos recunchos do mundo quixeron colaborar nesta campaña”, agradeceu o intenso traballo da candidatura, presidentes das xuntas locais e dos distritos da cidade, de afiliados, de simpatizantes e de voluntarios, nunha campaña que contou con máis de 100 actos na cidade e máis de 80 na provincia.

“Unha media de 12 actos electorais diarios é algo que non está ao alcance dos outros partidos, igual que encher esta cancha central non é froito da casualidade: é froito da potencia e da capacidade de mobilización e traballo do Partido Popular en Ourense”, afirmou.

No que atinxe á única opción válida para este domingo, o líder dos populares ourensáns sinalou que “todos queremos o modelo de estabilidade que desfrutamos”. Lembrou tamén Luis Menor que o seu pacto con Alfonso Rueda para a cidade de Ourense: “Un compromiso coa cidade que recolle 12 propostas concretas, serias, rigorosas e realizables, con proxectos cuantificados nos ámbitos sanitario, de vivenda, servizos sociais, transporte público, mobilidade sostible, deporte, turismo ou a mellora dos servizos administrativos da Xunta de Galicia”.

ELENA RIVO: “PAGA A PENA ESTE ESFORZO FINAL”

Pola súa banda, a cabeza de lista do PP por Ourense, Elena Rivo, proclamou que “esta magnífica candidatura de Ourense e os nosos militantes estamos de festa despois dunha campaña na que deixamos claro que Galicia funciona e Galicia namora”.

 “O perigo é real. Podemos acabar con todo o bo que conseguimos nestes últimos anos cos gobernos do PP na Xunta de Galicia e contaxiarnos dos males do independentismo e do radicalismo que sofre España”, advertiu Rivo.

“Paga a pena este esforzo final porque somos a Galicia da confianza fronte aos bandazos dos demais, ofrecemos unidade fronte as liortas doutros, traballamos por solucionar os problemas, non por aumentalos; damos estabilidade fronte ao caos,  temos experiencia e estamos avalados polos resultados de tantos anos de xestión”, concluíu.