A formación de Espazo Común pedirá no pleno municipal do vindeiro xoves que o concello do Carballiño estude a viabilidade de utilizar unha nave en desuso de Fenosa, ubicada na rúa Ourense, como solución transitoria para unha Casa da Xuventude. O texto completo da súa moción é o seguinte:
“Os asuntos nos que O Carballiño leva perdido moito tempo e terreo con respecto a outros concellos nestes últimos anos contanse por dúcias e faise inevitable que, dende a nosa tarefa de oposición, sigamos a insistir na necesidade de que o goberno acometa con urxencia aspectos coma o da promoción de actividades para a xente máis nova.
Na nosa vila, as opcións de ocio para a franxa de idade entre os 10 e os 18 anos non vai moito máis alá das escolas deportivas e culturais sobre as que non imos entrar nesta moción no seu funcionamento pero habería moito que debullar.
O caso que nos ocupa é o de contar cun centro, un punto de encontro onde a rapazada poida organizarse, crear, divertirse. Un espazo onde poidan xurdir novos colectivos con propostas culturais, deportivas, tecnolóxicas…
En resumo: unha Casa da Xuventude longamente comprometida, repetidamente anunciada pero que nunca chegou a cristalizarse.
Despois de case un lustro dende que se comprometeu por parte do actual alcalde e o seu concelleiro de Cultura a súa ubicación na Estación de Autobuses cun paso provisional pola planta superior da Bibilioteca Municipal, cousa que, folga dicirse, nunca aconteceu, agora disque hai que agardar a que rematen as obras do novo Centro de Saúde na actual Estación para que o edificio que actualmente ocupan os servizos sanitarios poida empregarse para as asociacións locais.
Ao primeiro semellaba unha broma pero non, é outra nova fazaña de Fumega e a súa impresionante habilidade para esconder ou aprazar os problemas.
A xuventude do Carballiño non pode agardar 6 ou 7 anos para contar cun lugar de referencia.
Por iso, dende Espazo Común propoñemos unha solución transitoria. Na rúa Ourense, que vai ser, por fín, obxecto dunha obra que lle facía moita falla, hai xa anos que Fenosa ten unha nave en desuso.
Unha vez arranxadas as beirarrúas de dita área, consideramos que sería unha ubicación ideal para esta instalación.
Poderíase valorar chegar a un acordo coa empresa enerxética e cunha pequena inversión acondicionar o edifico namentres non se poden empregar as instalacións do actual Centro de Saúde.
Isto reduciría o tempo para contar cunha Casa da Xuventude de 6 ou 7 anos a menos de 1.
E faría xustiza a unha vella demanda e necesidade deste pobo.
Visto todo o anteriormente comentado,
SOLICITAMOS
- Que o Concello do Carballiño inicie conversas coa propiedade da nave de Fenosa ubicada na rúa Ourense para adquirila e construir alí a Casa da Xuventude“.