Baltar apela na Semana Europea das Rexións para reforzar a interacción das entidades locais coa poboación

Reunión Manuel Baltar (Presidente da Deputación Ourense) con Xoan Vázquez Mao (Secretario Xeral do Eixo Atlántico).

O presidente da Deputación de Ourense participou por videoconferencia na xornada inaugural, analizando os mecanismos “para traballar por unha mellor democracia local, maior transparencia e políticas de goberno aberto”

Puxo como exemplo iniciativas que desenvolve a Deputación de Ourense como a Carta de Servizos, o proxecto “Provincia Intelixente” e a canle de comunicación directa coa poboación de resposta en 5 días

O presidente da Deputación de Ourense e da rede de gobernos locais intermedios de Europa ( Partenalia), Manuel Baltar, dixo hoxe na xornada inaugural da Semana Europea das Cidades e as Rexións que é necesario “reforzar a interacción das entidades locais coa poboación”, referíndose así a potenciar os mecanismos que permitan “traballar por unha mellor democracia local, maior transparencia e políticas de goberno aberto”.

Publicidade Premer na Imaxe

Baltar, quen participou por videoconferencia na mesa que analizaba modelos de servizos e boas prácticas na administración local e provincial, compartiu panel con André Violá, presidente da Confederación Europea de Poderes Locais Intermedios ( CEPLI) -organización da que Baltar é vicepresidente-; con Serge Hustache, presidente da provincia belga de Hainaut; Jan Olbrycht, deputado polaco no Parlamento europeo; Alexandrina Najmowicz, do Foro Cívico Europeo, e Pilar Díaz, alcaldesa de Esplugues de Llobregat.

O presidente Baltar puxo como exemplo iniciativas que desenvolve a Deputación de Ourense como a Carta de Servizos, o proxecto “Provincia Intelixente” e a canle de comunicación directa coa poboación de resposta en 5 días, “todas elas co obxectivo de facer unha administración provincial máis aberta e participativa”. Tamén remarcou o feito da que Deputación de Ourense sexa líder en Transparencia nos gobernos provinciais de España, “unha realidade fundamentada na estratexia na que vimos traballando desde hai anos creando unha área específica de transparencia e goberno aberto, incluída na estrutura orgánica da Deputación”, resaltou.

Manuel Baltar tamén quixo destacar en Europa “a importancia do achegamento das administracións á poboación” e avanzou a próxima posta en marcha na Deputación de Ourense dunha caixa de correos de suxerencias provincial “no que recolleremos todas as iniciativas que expoñan colectivos, entidades, asociacións e persoas a título particular, sexan ou non competencia do goberno provincial, e nós comprometémonos a canalizalas e facelas chegar á administración que corresponda; todo en favor de seguir mellorando a interactividade coa nosa veciñanza”, dixo Baltar.

Eixo Atlántico

Por outra banda, nesta mesma liña de ampliar cooperación con entidades de ámbito europeo, o presidente Baltar mantivo hoxe no Pazo Provincial un encontro co secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoan Vázquez, “para mostrar a nosa disposición, que se materializará en cuestión de días, de solicitar a integración da Deputación de Ourense nesta entidade”, sinalando como “básico” o traballo en rede con entidades internacionais “onde Ourense ten moito que achegar en áreas como termalismo ou turismo, e o Eixo Atlátnico é un excelente foro para cooperar e conseguir obxectivos que nos dean visibilidade e atraian proxectos de cooperación interterritorial”. Neste sentido, Xoan Vázquez agradeceu “o talante cooperador do presidente Baltar” e avanzou a intención de “informar favorablemente para que a adhesión da Deputación de Ourense sexa unha realidade”.