Espazo Común critica que o concello decida a inversión dos Fondos Next Generation sen consensuar cos demais grupos e sociedade

A formación de Espazo Común amosou o seu rexeitamento ante a situación na que aseguran que o concello do Carballiño e o seu goberno local decidan o gasto dun millón de euros dos Fondos Next Generation sen consensuar co resto de grupos e tampouco co tecido social. A súa crítica foi amosada no seguinte comunicado:

“Levamos lido moito na prensa que o Concello do Carballiño vai contar cunha importante fonte de ingresos adicionais dende os fondos Next Generation, liña posta en marcha por Bruxelas para a revitalización da economía despois da pandemia.

AVANTAR ACTIVIDADES

Finalmente, será 1 millón de euros a cantidade a percibir para o seu uso en proxectos de diversa índole, o que supón un alivio importante para unhas arcas municipais que comezan a precisar respiración asisitida despois do despilfarro sen sentido destes últimos anos.

O problema é que, para non perder as malas costumes, o goberno presidido polo alcalde Fumega, prescindiu de calquer tipo de consulta co resto de partidos, cos colectivos locais ou co sentido común para decidir a súa distribución.

Que un grupo con 6 concelleiros de 17 tome estas decisións unilateralmente non ten lóxica algunha e prescinde absolutamente de ningunha clase de respecto pola vontade popular e a súa representatividade.

O reparto decidido por Fumega parécenos moi mellorable.

150.000 € para a rexeneración natural dos parques do contorno fluvial

145.000 € para o arranxo das pallozas do camping

150.000 € para a iluminación da Veracruz

100.000 € para a sinalización intelixente do destino e realidade aumentada

75.000 € para a ampliación da senda do Arenteiro atas o Bañiño de Arcos

165.000 € para a postas en marcha do Museo do papel

60.000 € para a visibilización da actividade de polbeiros e polbeiras

45.000 € para a creación de produto turístico e de base enogastronómica

Algunas partidas semellan moi elevadas. Canto valen as pallozas feitas de novo logo?

Outras incomprensibles. A realidade aumentada tamén aumenta seu propio gasto?

A Fábrica de Papel, o Gaiás particular de Fumega, leva máis cartos de inversión que tódalas parroquias do Carballiño xuntas nos últimos 20 anos.

Apoiar aos pulpeiros está moi ben, pero xurden preguntas: é para apoiar a tódolos que exercen esta actividade no Carballiño ou só para algúns?

E non hai outros sectores da economía local que poderían encaixar no eixe de competitividade onde se encadran estes 60.000 €? O comercio ou a hostalaría local tamén poderían ter moito que dicir neste eido.

Dende Espazo Común pediremos información ao respecto e tentaremos averiguar con que criterio se tomaron estas decisións.

Ao mesmo tempo demandaremos máis diálogo, tanto co resto de partidos coma co tecido social local á hora do reparto destes fondos que tanto poderían axudar á economía local e que semella que se van disipar coma todo nestes últimos anos, coma o fume co vento”.