O Carballiño volveu a ser o epicentro do mundo do motor unha fin de semana máis. Neste caso, a 14ª edición do Rallye do Lacón Históricos, organizado por Clásicos Arenteiro, fixo fronte á choiva e ás inclemencias meteorolóxicas para desfrutar dunha gran edición. A neve foi un obstáculo nalgúns tramos, que tiveron que ser neutralizados. Contou con participantes das catro provincias galegas, que lograron un récord de inscricións, con 69 vehículos, o dobre ca no pasado ano.
Entre os participantes, hai moitos veteranos, que levan anos repetindo grazas á modalidade do evento e á súa organización. Dende o parón da pandemia e a volta á celebración de eventos notouse un incremento no número de vehículos. Tanto pilotos coma organización están moi satisfeitos con como transcorreu esta edición, que volveu á súa data de orixe e xa pensan na próxima.