Acordos do Pleno da Deputación na sesión ordinaria de marzo de 2024

Ourense, 22 de marzo de 2024.- A Corporación provincial de Ourense celebrou hoxe, baixo a presidencia de Luis Menor, o pleno ordinario correspondente ao mes de marzo, no que se trataron e aprobaron os seguintes asuntos.

AVANTAR ACTIVIDADES

“Declaración de Oviedo”

Ao comezo da sesión deuse lectura á “Declaración de Oviedo”, iniciativa que promove dez propostas para integrar a prevención nas políticas sobre drogas. O texto contempla o fomento da investigación e avaliación para evitar estratexias de prevención ineficaces ou contraproducentes, priorizar a acción en países de renda baixa e media e capacitar ás xeración actuais e futuras de profesionais da prevención, entre outras.

Programas BenOurense

Aprobáronse as bases dos tres programas de cooperación BenOurense de 2024 para os servizos de Axuda no Fogar Básico (SAF), Puntos de Atención á Infancia (PAI) e servizos complementarios, que cun orzamento total de 1.630.000 euros permitirán reforzar a atención social nos concellos ourensáns.

  • Axuda no Fogar Básico. Subvencións en réxime de concorrencia non competitiva destinadas ás entidades locais de menos de 20.000 habitantes que presten o servizo de atención no fogar básico. Inclúense tamén as mancomunidades intermunicipais que xestionen servizos sociais dun conxunto de municipios con menos de 20.000 habitantes. O orzamento ascende aos 1.400.000 euros. O presente programa estrutúrase en dúas accións:
  • Acción 1. Dixitalización do SAF. Asistencia económica co obxecto de facilitarlle ás entidades locais a xestión dixitalizada deste servizo mediante unha ferramenta informática contratada pola entidade local.
  • Acción 2. Cofinanciamento SAF Básico.- Asistencia económica para o cofinanciamento da prestación do servizo.
  • Servizos complementarios de atención á infancia. Subvencións en réxime de concorrencia non competitiva destinadas ás corporacións locais para o mantemento dos “Servizos Complementarios de atención á infancia”. Enténdese como servizo complementario de atención á infancia aqueles de titularidade municipal que, por xestión directa ou indirecta e en xornada diúrna, desenvolven funcións de atención e coidado fóra da xornada ordinaria dos centros escolares para nenos e nenas entre 3 e 12 anos, actuando como soporte e apoio as familias e contribuíndo á conciliación da vida laboral e familiar.

A Deputación destina un orzamento de 115.000 euros para axudas coas que se subvencionarán gastos de persoal, de mantemento dos centros e demais gastos inherentes aos servizos prestados.

  • Puntos de Atención á Infancia. Subvencións en réxime de concorrencia non competitiva destinadas ás corporacións locais para o mantemento dos Puntos de Atención á Infancia (PAI), que son aqueles establecementos de carácter diúrno e de titularidade municipal, situados en concellos de menos de 5.000 habitantes e encadrados nos servizos sociais comunitarios específicos dos concellos, que teñen como fin prestar apoio aos pais, nais, titores/as e gardadores/as dos nenos e nenas entre 3 meses e 3 anos.

A Deputación destina un orzamento de 115.000 euros a este programa co que subvencionará gastos de persoal, de mantemento dos centros e demais gastos inherentes aos servizos prestados.

Concello dos Blancos

Ratificouse a resolución da Presidencia de prórroga da asunción pola Deputación Provincial de Ourense dos servizos mínimos do Concello dos Blancos. Con data 5 de marzo de 2024, o Concello dos Blancos remitiu documentación relativa a unha nova prórroga para a asunción pola Deputación da prestación dos servizos mínimos obrigatorios do Concello.

Trala análise de dita documentación, propóñense unha serie de medidas correctoras tendentes a mudar a situación económico-financeira do concello. Ademais, axendarase á maior brevidade legal posible a posta en marcha destas medidas correctoras, propostas polos servizos técnicos da Deputación de Ourense, de tal xeito que estean xa operativas o 1 de xaneiro do ano 2025.

Constituirase unha comisión de seguimento, que terá carácter paritario e estará integrada por representantes políticos e técnicos do Concello e da Deputación, correspondendo a presidencia da comisión á Deputación Provincial.

Plan turístico “Ourense Colle Velocidade, vilas históricas e termais”

Aprobouse o convenio entre a Axencia de Turismo de Galicia e a Deputación de Ourense para a execución do “Plan de sustentabilidade turística, Ourense Colle Velocidade, vilas históricas e termais”, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia financiado pola Unión Europea-Nextgenerationeu.

As actuacións a desenvolver nas anualidades de 2024, 2025 e 2026 distribúense en catro eixos: transición verde e sostible con adecuación de sendeiros termais, a mellora de sendas peonís e eco-aloxamentos en concellos con potencial termal ou con cascos históricos; mellora da eficiencia enerxética, con ampliación da infraestrutura ciclista e a descarbonización en cascos históricos; transición dixital cun plan de marketing online Ourense Turístico-Termal; e mellora de equipamentos públicos de uso turístico. O orzamento ascende a 1.500.000 euros.

Modificación de data das comisións informativas

Aprobouse modificar a data de celebración das comisións informativas permanentes para o mandato 2023-2027. Todas elas celebraranse os mércores da semana anterior ao pleno ordinario, a partir das 16.30 horas.

MOCIÓNS

Estación de montaña de Manzaneda

1.- Instar á Deputación de Ourense, na súa condición de accionista ponderado de Meisa, a avanzar cara unha xestión profesional da Estación de Montaña de Manzaneda, situando á súa fronte a un equipo capaz e competente que sexa dirixido por alguén cunha demostrada experiencia no sector. Unha xestión acaída coas esixencias dun complexo de tan particulares características, pero tamén transparente, dotada dos mecanismos necesarios para que os partidos e a cidadanía poidan acceder a documentos e información sobre procedementos que desde hai anos ven reclamando o Grupo Provincial Socialista.

2.- Instar á Deputación de Ourense na súa condición de accionista ponderado de Meisa, a dispoñer as medidas necesarias para o regreso ao consello de administración da devandita entidade dos alcaldes da Pobra de Trives e de Manzaneda, garantindo así a representatividade dos territorios nos que se asenta a Estación.

3.- Constituír unha comisión de traballo para a elaboración dun plan estratéxico da Estación de Montaña de Manzaneda, que inclúa á Xunta de Galicia, á Deputación de Ourense, comprendendo a representantes tanto do grupo de goberno como do resto de partidos con representación na corporación provincial; e os alcaldes e alcaldesas dos concellos de Manzaneda e A Pobra de Trives.

Transporte metropolitano

1.- Instar á Deputación de Ourense a tomar todas as medidas e disposicións  oportunas para que, en coordinación coa Xunta de Galicia, se garanta no curto prazo a  implantación real e efectiva do transporte urbano de viaxeiros que inclúa a todos os concellos da área metropolitana de Ourense capital.

2.- Instar á Deputación de Ourense a que o servizo de transporte urbano de  viaxeiros entre todos os concellos da área metropolitana de Ourense capital se preste en  igualdade de condicións que nas outras cidades galegas a nivel de amplitude, eficacia e custo  do servizo para as usuarias e usuarios.

3.- Instar á Deputación de Ourense á creación de forma inminente dun comité técnico e político, no que se acorde a mellor fórmula de implantación do transporte metropolitano no menor tempo posible. O comité estaría constituído polos representantes que consideren as administracións implicadas:

  • A propia Deputación de Ourense, que incluiría a participación dos grupos políticos do mandato actual.
  • A Xunta de Galicia.
  • Concello de Ourense.
  • Cada un dos Concellos da área metropolitana de Ourense.

Día da Muller

a) Que A Deputación de Ourense, no marco das súas competencias:

  1. Fomente os plans de conciliación, modelos alternativos de coidados e a empregabilidade das mulleres no tecido económico provincial.
  2. Colabore coas asociacións de mulleres dos concellos co obxectivo de promocionar a igualdade en todos os eidos.
  3. Promova a adhesión dos locais de ocio nocturno dos municipios ao protocolo de actuación contra as violencias sexuais e LGTBIfóbicas.
  4. Desenvolva un programa de saúde materno-infantil en colaboración cos concellos e co tecido asociativo da provincia.

b) Dirixirse á Xunta de Galicia para:

  1. Impulsar o emprendemento feminino e o fomento de mulleres en sectores altamente masculinizados.
  2. Colaborar coas organizacións na promoción de referentes galegas e actividades de comunicación social e sensibilización.
  3. Continuar coa formación dos CIM e do persoal orientador das oficinas de emprego e dos centros educativos de todos os niveis para promover o seu papel impulsor das eleccións vocacionais libres dos prexuízos e estereotipos de xénero.
  4. Fomentar a corresponsabilidade e a conciliación entre a vida laboral, persoal e familiar para o exercicio profesional tanto no ámbito público coma no privado.
  5. Fomentar a igualdade como base fundamental na elaboración e execución das políticas administrativas (convenios, plans de acción, protocolos etc.)
  6. Instar á Xunta de Galicia a regularización da Comisión de Lactancia da Área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.

c) Dirixirse ao Goberno do Estado para:

  1. Incrementar os fondos do Plan Corresponsables para adecuar as accións ás necesidades reais da sociedade co obxectivo de chegar á maior poboación posible.
  2. Unificar todos os fondos finalistas para a prevención e loita contra a violencia de xénero e que todos eles teñan o mesmo tratamento orzamentario, así como que a repartición sexa igualitaria e en base a uns criterios xustos e equitativos.

Financiamento dos servizos públicos de competencia non municipal

1.- Solicitar a Xunta de Galiza e a Administración Xeral do Estado o financiamento integro de servizos como o SAF, que segundo a lei son servizos de competencia non municipal e que só poden estar xestionados  delegadamente atendendo a un principio de equilibrio financeiro.

2.- Solicitar da Xunta de Galiza que asuma o 100% dos custes dos Centro de Dia así como das Galiñas Azuis, toda vez que anunciou e asumiu a  xeneralización da gratuidade 0-3 anos das escolas infantís e está a financiar  integramente os custes das escolas infantís privadas.

3.- Solicitar á Xunta de Galiza que como Administración competente tanto no  eido sanitario como no educativo, se faga cargo dos gastos que na  actualidade están a soportar os Concellos da Provincia de Ourense nestes  dous Servizos Públicos esenciais.4.- Trasladar estes acordos ó Ministerio de Derechos Sociales, Consellería de  Política Social, Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar,  Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e  Consellería de Sanidade. Así como á Presidencia da Xunta de Galiza e do  Goberno do Estado de España.