O BNG cualifica de “burla e falta de respecto” que o mesmo día no que se anuncia a paralización do programa comedor sobre rodas alegando aforro de cartos, se anuncie “a bombo e prato” a contratación de orquestras

Tanto o pasado día 15 coma o día 22 de marzo, o Grupo municipal do BNG a través da Concelleira Rhut Reza, denunciaba que a partir deste mércores, o Concello deixaría de prestar o programa comedor sobre rodas “deixando ás e aos usuarios sen comer alomenos durante un mes e en plena Semana Santa”.

No día de onte, o Goberno reaccionaba anunciando nunha nota de prensa que o servizo deixábase de prestar para “melloralo e proporcionar unha mellor atención ás persoas que o utilizan”, alegando o traspaso da prestación á Xunta de Galiza así como o aforro para as arcas municipais de 90.000 euros anuais.

AVANTAR ACTIVIDADES

Para o BNG é inxustificable o que está acontecendo. A Concelleira Rhut Reza censura tanto o proceder como os argumentos esgrimidos e lembra que “o Concello ten desde o mes de xaneiro enriba da mesa o convenio para sumarse ao programa da Xunta de Galiza xantar na casa e ao longo de todo este tempo foron incapaces de asinalo sabendo como sabían, pois do contrario resulta aínda máis flagrante a súa incompetencia, que o contrato do programa comedor sobre rodas expiraba este mércores 27”.

pero a indignación da formación nacionalista aumentou cando, horas despois de anunciarse o remate do programa que atende a preto de 60 persoas, o Alcalde publicitase a “bombo e prato” que nas festas do barrio do Couto deste ano actuarían dúas das principais orquestras do país.

“é indignante, é unha falta total e absoluta de respecto e revela a pouca empatía e a pouca sensibilidade do Goberno Local que acaba ademais de escenificar cales son as súas prioridades. Ao tempo que anuncian que deixarán sen comer a persoas vulnerables e dependentes e que con iso aforrarán 90.000 euros, anuncian festas e actuacións musicais dun elevado custe para as arcas municipais”.

Desde o BNG sinalan que “non estamos en contra das festas, ao contrario, e de feito xa as había antes da chegada do actual Goberno Local mais un Goberno serio e responsable non pode basear toda a súa acción de goberno única e exclusivamente en organizar eventos lúdicos”, e engade, “gobernar o Concello de Ourense implica asumir e prestar moitas máis competencias e servizos, sendo os relacionados coa atención ás persoas os máis importantes e necesarios. Pagamoslle a un Goberno Local ao que haberá de comezar a definir doutro xeito pois o único traballo que fai é o dunha comisión de festas”.