O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor; o subdelegado de Defensa en Ourense, Jesús Peñas; e o coordinador da exposición, Afonso Monxardín, presentaron hoxe a mostra que poderá visitarse ata o 12 de maio
Desde o ano 1943, ata a posterior disolución deste Rexemento en 1987, Ourense foi a cidade que acolleu a súa presenza, polo que tivo “unha importante influencia social e económica na vida da cidade e da provincia ao longo destes 43 anos de convivencia”, salientou Luis Menor
Trátase dunha serie de 14 paneis e de obxectos que están relacionados coa historia desta unidade e tamén da historia militar da provincia, desde o mundo castrexo e romano á actualidade
Ademais, o 23 de abril terá lugar a presentación do libro de Fernando Ramos “La huella en Ourense del Zamora 8”, editado pola Deputación de Ourense, que permitirá aos lectores revivir os tempos nos que a presenza do Zamora 8 era unha constante na vida cotiá da cidade
Ourense, 4 de abril de 2024.
O Centro Cultural Marcos Valcárcel estrea unha nova mostra nas súas instalacións sobre a historia do Rexemento Zamora 8 e Ourense. O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor; o subdelegado de Defensa en Ourense, Jesús Peñas; e o coordinador da exposición, Afonso Monxardín, acompañados polo director do Centro Cultural, Francisco González, presentaron hoxe a mostra que poderá visitarse ata o 12 de maio.
A exposición “Rexemento Zamora 8, os militares en Ourense”, enmárcase dentro das actividades organizadas pola Deputación en colaboración coa Subdelegación do Ministerio de Defensa en Ourense, para conmemorar o 80 aniversario da chegada a Ourense desta unidade. “Trátase de lembrar a importancia que tivo para a historia da nosa cidade a presenza do Zamora 8, porque a historia de ambos está intrinsecamente vencellada”, apuntou o presidente provincial.
Para o subdelegado de Defensa en Ourense esta exposición “amosa a ligazón tan forte que houbo entre o rexemento e a provincia de Ourense. Trátase de achegar, a través do recordo, aos militares e ás Forzas Armadas, aos cidadáns para que coñezan a súa historia e a pegada militar na provincia de Ourense.
Desde o ano 1943, ata a posterior disolución deste rexemento en 1987, Ourense foi a cidade que acolleu a súa presenza, polo que tivo “unha importante influencia social e económica na vida da cidade e da provincia ao longo destes 43 anos de convivencia”, salientou Luis Menor.
Esta relación foise cultivando a través da presenza dos militares e da súa banda nas festas da cidade, na rúa e en todos tipo de acontecementos sociais, que culminou coa entrega da Medalla de Ouro da cidade ao Zamora 8 pouco antes da súa disolución.
A exposición está composta por unha serie de 14 paneis e de obxectos que están relacionados coa historia do Rexemento Zamora 8 e tamén da historia militar da provincia, desde o mundo castrexo e romano á actualidade.
Tamén están expostos maniquíes cos uniformes militares que, nalgún momento, percorreron Ourense desde a antigüidade ata agora. Os obxectos proceden do Museo Arqueolóxico de Ourense, do Museo Militar da Coruña e de diversos particulares que prestaron para a mesma as súas lembranzas.
Neste sentido, o coordinador da mostra destacou o “traballo colaborativo” da mesma, así como “a participación de todo o mundo no mantemento desta lembranza colectiva ao Zamora8”.
“La huella en Ourense del Zamora 8”, editado pola Deputación
Xunto a esta exposición organizaranse unha serie de actividades complementarias que contribúan a poñer en valor a vinculación deste Rexemento co territorio. Cabe destacar a presentación -o vindeiro 23 de abril- do libro de Fernando Ramos “La huella en Ourense del Zamora 8”, editado pola Deputación de Ourense, que permitirá aos lectores revivir aqueles tempos nos que a presenza do Zamora 8 era unha constante na vida cotiá da cidade.