O historiador Javier Quintas repasou os resultados electorais acadados, como foi a implantación das sociedades obreiras na provincia ou cales foron as principais aportacións e retos do socialismo durante os primeiros anos da República
A secretaria xeral de XX.SS., Alba Iglesias, centrou a súa quenda no papel da monarquía na Transición e argumentou que se trata “dunha herdanza medieval que non se librou dalgúns dos seus privilexios”
Con motivo da semana da República, a Comisión Executiva Municipal (CEM) do PSdeG de Ourense, a Secretaría de Memoria Democrática da mesma, Xuventudes Socialistas (XX.SS) e o historiador Javier Quintas organizaron un acto para lembrar cal era a situación do socialismo ourensán ao inicio da República, cales foron os seus principais líderes e cales son os retos de futuro que supón o sistema de monarquía parlamentaria, actualmente vixente en España.
Manuel Suárez, Alfonso Quintana Peña ou Ramón Fuentes Canal foron algunhas das figuras imprescindibles que o historiador e docente trouxo ao presente para facer memoria e ofrecer unha panorámica do que significou o socialismo durante a II República. Tamén repasou os resultados electorais acadados, como foi a implantación das sociedades obreiras na provincia ou cales foron as principais aportacións e retos do socialismo durante os primeiros anos da República: a chegada do ferrocarril, a reforma agraria e o posicionamento ante o estatuto de autonomía e o galeguismo.
Pola súa banda, a secretaria xeral de Xuventudes Socialistas e edil no Concello de Ourense, Alba Iglesias, centrou a súa quenda no papel da monarquía na Transición e en argumentar que “é evidente que estamos a falar dunha herdanza medieval que non se librou dalgúns dos seus privilexios, constituíndo por iso unha rémora para a democracia”.
“A Xustiza non puido actuar sobre o comportamento delitivo acreditado do emérito, que a pesares de defraudar importantes sumas de diñeiro á Facenda española, entre outras moitas cousas, quedou impune porque a lexislación impide xulgalo”, subliñou a socialista.
“Somos nós os que con máis firmeza nos negamos a aceptar esta herdanza ancestral. Se no pasado puido ter algunha xustificación, co paso do tempo foi perdendo lexitimidade e crece a percepción de que prescindir da monarquía permitiríanos mellorar a nosa calidade democrática”, aseverou.
O acto estivo introducido polo responsable da Secretaría de Memoria, Xosé Lois Carrión, que lembrou a intervención do deputado Luis Gómez Llorente no Congreso, cando o 11 de maio de 1978 deu conta do voto particular do grupo socialista ao parágrafo terceiro do artigo 1º do anteproxecto de Constitución, e que deixou patente que o Partido defendía a República como forma de goberno.
No seu discurso, tal e como expuxo, Gómez Llorente afirmou: “Se na actualidade o PSOE non se empeña, como causa central e prioritaria do seu facer, en cambiar a forma de goberno é en tanto en cuanto pode albergar razoables esperanzas en que sean compatibles a Coroa e a Democracia”. E engadiu que “se democráticamente se establece a monarquía, en tanto sea constitucional, considerarémonos compatibles con ela”.
Tamén participou ao comezo do acto a secretaria xeral da agrupación municipal do PSdeG en Ourense, Natalia González, para agradecer a presenza aos e ás asistentes e lembrar a importancia de seguir recordando o que aconteceu para homenaxear ás vítimas e aquelas que loitaron pola democracia.
Mañá, a Comisión Executiva Municipal participará na ofrenda floral que o propio 14 de abril organiza, ás 12.00 horas, a asociación Amigos da República no monumento ás vítimas do Franquismo levantado no cemiterio de San Francisco.