Os e as socialistas instan ao goberno municipal a que “busquen o financiamento necesario, xa sexan fondos propios ou subvencións doutras entidades, para a recuperación deste miradoiro”
Patrick Rodríguez afirma que a situación do miradoiro “é moi deficiente, pois ofrece unha imaxe de desleixo por parte do concello, ao estar totalmente descoidado e en mal estado de conservación”
“Estamos ante un enclave único na bisbarra, que se atopa nunha estrada fronteiriza que percorren milleiros e milleiros de persoas anualmente, moitas delas turistas”, apunta Rodríguez
O PSdeG-PSOE de Lobios vén de presentar unha moción para o seu debate na vindeira sesión plenaria na que lle piden ao goberno municipal á humanización e posta en valor do miradoiro da Corga da Fecha en RíoCaldo. Os e as socialistas instan ao concello a que “busquen o financiamento necesario, xa sexan fondos propios ou subvencións doutras entidades, para a recuperación deste miradoiro”.
Dende o grupo municipal socialista argumentan que “unha vez conseguidos os cartos, se elabore e se materialice un proxecto de humanización do miradoiro e da súa contorna para conseguir que sexa unha infraestrutura integrada no medio natural no que se atopa e no contexto medio ambiental e social”. Os e as socialista tamén explican que este proxecto “revertería positivamente no eido socioeconómico e turístico de Lobios”.
O concelleiro do PSdeG-PSOE en Lobios, Patrick Rodríguez, explica que o miradoiro da Corga da Fecha en RíoCaldo “atópase nun emprazamento privilexiado, cunhas vistas marabillosas á fervenza da Fecha, un dos lugares máis senlleiros e coñecidos do municipio e da Baixa Limia”. A situación actual do miradoiro en palabras do edil socialista “é moi deficiente, pois ofrece unha imaxe de desleixo por parte do concello, ao estar totalmente descoidado e en mal estado de conservación”.
“Estamos ante un enclave único na bisbarra, que se atopa nunha estrada fronteiriza que percorren milleiros e milleiros de persoas anualmente, moitas delas turistas”, explica o secretario de organización dos e das socialistas de Lobios, que tamén apunta que “estamos ante unha cantidade de visitantes nada desprezable que pasa por diante deste miradoiro, pare ou non a contemplar as marabillosas vistas que ofrece dunha paraxe natural incrible”.
O PSdeG-PSOE de Lobios considera que “non podemos ofrecer esta imaxe de abandono a estes e estas turistas que pasan pola zona e, por suposto, aos moitos e moitas que paran ou van a pé feito ao miradoiro”. Neste senso tamén apuntan á necesidade de “coidar as zonas comúns e os espazos públicos” e fan fincapé en que “cun investimento razoable e sen moitos cartos, estamos seguros de que se podería acondicionar e humanizar o miradoiro para convertelo nun espazo integrado, integrado na contorna e axeitado para o lugar no que se atopa, ademais de ser moito máis atractivo para os visitantes e a veciñanza”.
“En Lobios temos a sorte de atoparnos mergullados na área de influencia do parque natural Baixa Limia e da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés”, explican dende o PSOE de Lobios, motivo polo que consideran “imprescindible a posta en valor dos nosos recursos naturais”.