O deputado do PP Celso Delgado defende o compromiso do goberno de Rajoy coa variante exterior do AVE “fronte ás inadmisibles mentiras do PSOE”

Logo do anuncio da adxudicación dos dous primeiros tramos desta infraestrutura

O deputado ourensán lembrou que nos orzamentos do Estado de 2018 ADIF-AV “xa se incluía o proxecto da variante de Ourense, cifrando o seu custo en 635,56 millóns de euros”, con investimentos consignados ata 2021 “e aínda máis cando resulta que estes orzamentos estiveron prorrogados ata 2020”

AVANTAR ACTIVIDADES

O deputado no Congreso pola provincia de Ourense, Celso Delgado, saíu hoxe en defensa do compromiso do goberno popular de Mariano Rajoy coa variante exterior do AVE “fronte ás inadmisibles mentiras do PSOE ourensán, que trata de impoñer diante da opinión pública un falso relato sobre o traballo realizado polo PP para facer realidade este proxecto”.

Delgado subliñou que “desde o minuto uno celebramos a adxudicación dos dous primeiros tramos da variante exterior, cuxa execución defende o PP desde hai anos, ao igual que en xullo felicitamos á entón presidenta de ADIF, Isabel Pardo de Vera, tralo anuncio da licitación destas obras, unha actitude absolutamente construtiva ao tratarse da infraestrutura que completará a chegada da alta velocidade a Ourense, cos seus beneficios engadidos”.

Non obstante, “en política non vale todo e menos as mentiras malintencionadas”, denunciou o deputado, expresando o seu malestar polas declaracións dos socialistas ourensáns nas que din que o PP paralizou o proxecto e destinou cero euros á variante nos orzamentos de Rajoy de 2018.

“Se algo temos en torno a esta cuestión é unha completa e exacta documentación oficial sobre desta infraestrutura -advertiu Delgado- que deixa totalmente en evidencia as manifestacións do PSOE, pois como se pode comprobar sinxelamente no BOE a tramitación da variante exterior xa data de 2014, co Partido Popular no goberno”.

O deputado fixo unha mención concreta aos orzamentos do Estado de 2018, no que ADIF-AV “xa incluía o proxecto da variante de Ourense, cifrando o seu custo en 635,56 millóns de euros con investimentos ata 2024”. En detalle, para 2018 consignábanse 3 millóns; para 2019 outros 35; para o seguinte ano 228 millóns; e para o presente exercicio 154,6 millóns de euros. Uns datos que desmontan as mentiras dos socialistas “e aínda máis cando resulta que estes orzamentos estiveron prorrogados ata 2020”.

Celso Delgado emprazou á dirección socialista en Ourense “a abandonar a política destrutiva, mentireira e autocompracente que só busca réditos políticos, que non ten capacidade para recoñecer o mérito dos gobernos de distinto color político e dos empresarios ourensáns que no seu día apostaron por defender a variante exterior”.