Os e as socialistas consideran “urxente” que se proceda a buscar solucións a unha zoa que supón un “grave” perigo para a seguridade de condutores e peóns, tal e como queda acreditado cos numerosos accidentes que se producen neste punto
Dende o grupo municipal socialista afirman que nese tramo “non hai espazo seguro para levar un carro da compra, de crianzas ou para desprazamentos en cadeiras de rodas ou en bicicleta
Ribadavia, 24 de abril de 2024. O PSdeG-PSOE de Ribadavia vén de presentar unha moción para o seu debate na sesión plenaria do xoves na que insta ao concello a trasladarlle á Deputación, titular da OU-0305 a necesidade de eliminar un punto negro de accidentes nunha curva no núcleo de poboación da Foz. Os e as socialistas consideran “urxente” que se proceda a buscar solucións a unha zoa que supón un “grave” perigo para a seguridade de condutores e peóns, tal e como queda acreditado cos numerosos accidentes que se producen neste punto.
Dende o grupo municipal socialista explican que este inverno, por mor das frecuentes choivas, detectouse que a curva á altura da pasarela sobre o río Avia, no termo municipal da Foz, “é escenario de frecuentes saídas de vía”. Tal e como apuntan os e as socialistas “os vehículos accidentados vanse contra a parede ou contra as varandas protectoras contra o río, na maioría dos casos por derrapaxes debido ao estado esvaradío da curva por mor da choiva e o frío”.
Os concelleiros e as concelleiras socialistas destacan que os problemas de seguridade neste tramo da OU-0305 afectan tamén aos peóns, ao tratarse dun tramo frecuentado pola veciñanza, moitos xa maiores, por peregrinos que realizan o camiño Ribeiro Miñoto e por visitantes que estacionan o coche na chaira anterior e acceden a pé a Ribadavia, especialmente en época de eventos importantes. “A situación agrávase cando os vehículos perden o control e desprázanse contra as varandas, xa que ao non existir beirarrúas ou outro elemento protector en 15 metros, os peóns atópanse nunha situación de máximo risco”, denuncian.
Dende o PSdeG-PSOE de Ribadavia afirman que nese tramo “non hai espazo seguro para levar un carro da compra, de crianzas ou para desprazamentos en cadeiras de rodas ou en bicicleta”. Apuntan a que a solución “máis segura”, seria “dar continuidade a rampla da pasarela, como un paseo fluvial por detrás das varandas ata o paso de peóns”.