Luis Menor, na Feira do Viño do Ribeiro, cualifica aos viños desta denominación de orixe “como excelentes embaixadores da marca Ourense”

Na 61 edición desta cita, o presidente da Deputación afirmou que a feira permite “seguir conservando a tradición vitivinícola da comarca, defender a súa identidade e o esforzo dos produtores, así como a calidade dos seus viños”

Ourense, engadiu, é “unha das provincias máis vitivinícolas de España, un dos sectores máis potentes que temos e un dos grandes atractivos para captar a atención do viaxeiro

AVANTAR ACTIVIDADES

Ribadavia, 3 de maio de 2024.

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, participou hoxe en Ribadavia, na inauguración da 61ª edición da Feira do Viño do Ribeiro que reúne a 36 adegas e colleiteiros, que ofrecerán os seus viños a todos os que se acheguen ao recinto da Alameda en Ribadavia desde hoxe e ata o domingo, 5 de maio.

Na súa intervención, o presidente provincial dixo que este evento permite “seguir conservando a tradición vitivinícola da comarca, defender a súa identidade e o esforzo dos produtores, así como a calidade dos seus viños que exercen de excelentes embaixadores da marca Ourense”.

Neste sentido, Luis Menor afirmou que Ourense é “unha das provincias máis vitivinícolas de España, un dos sectores máis potentes que temos e un dos grandes atractivos para captar a atención do viaxeiro, sexa nacional ou internacional”.

Desde a Deputación de Ourense “apoiamos desde hai anos directamente ás Denominacións de Orixe da provincia con achegas destinadas á internacionalización para traballar cara a apertura de novos mercados fóra de España, así como para promover o viño como un dos mellores embaixadores de Ourense”.

O Ribeiro, comarca vitivinícola por excelencia

A Denominación de Orixe do Ribeiro é a máis antiga de Galicia e unha das 19 denominacións recoñecidas en 1932 e a máis importante da provincia de Ourense. “O Ribeiro é a comarca vitivinícola por excelencia que pode presumir de ter unha identidade propia que xira ao redor da cultura do viño”, salientou Luis Menor.

Un territorio que, como dixo o presidente provincial, permite degustar “unha copa de Ribeiro ao carón de calquera dos xacementos de augas mineromedicinais que converten ao Ribeiro na zona termal máis importante da provincia”.