Sobre a supresión da ORA advirten de que abrirán unha rolda de contactos para sopesar o que suporía para as arcas públicas e a cidadanía eliminar un servizo que está actualmente precarizado
Sobre a entrada de novos accionistas no COB sinalan que a prioridade debe ser “blindar e defender a área social” garantindo a fiablidade de solvencia e o seu futuro, “así como apostar firmemente pola promoción do deporte de base coa ampliación da canteira cobista en próximas tempadas”
O grupo municipal socialista, trala Xunta de Voceiros e Voceiras que tivo lugar esta mañá, manifesta que abrirá unha rolda de contactos para sopesar os pros e os contras da medida anunciada polo alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, de suprimir a ORA. Ante o posible apoio doutro ou doutros grupos políticos no pleno, as e os edís do PSdeG consideran oportuno analizar o impacto social e económico que pode ter para a cidadanía e para as arcas públicas.
A portavoz, Natalia González Benéitez, recorda que se trata dun servizo que actualmente está precarizado e no que debería terse en conta a planificación municpal en materia de mobilidade e en favorecer e promover futuros aparcamentos disuasorios para a veciñanza “ata o de agora inexistentes nos últimos 5 anos de mandato”.
En relación coa entrada de novos accionistas no COB, dende o grupo municipal socialista avogan pola máxima transparencia en canto a xestión económica, social e deportiva deste clube insignia da cidade.
“Queremos facer un recoñecemento expreso aos responsables da área social do COB polo seu inmenso traballo e compromiso, que da man de outras asociacións e colectivos da cidade conseguiron que fora unha das mellores da Liga LEB Ouro este ano. Fixeron medrar notablemente a asistencia aos partidos do club, chegando nalgún caso arredor de 5.000 persoas esta tempada”, destacou a voceira.
Logo da proposta que deixaron no aire o rexedor e o edil de Deportes, as e os socialistas valorarán as opcións con responsabilidade e rigurosidade para “blindar e defender a área social” garantindo a fiablidade de solvencia e o futuro do club “apostando firmemente pola promoción do deporte de base coa ampliación da canteira cobista en próximas tempadas”. “Así mesmo, sumámonos ao chamamento á participación do tecido empresarial para gantir a autonomía e supervivencia do COB, dentro do proxecto conxunto que todos e todas aspiramos a ter para Ourense”, rematou.