Comunicado de Tiruleque á atención dos grupos políticos que forman parte da corporación municipal do Carballiño, outras institucións e veciños da vila.

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

TIRULEQUE, Grupo de Teatro, con nº 1988/00587-1 (OU) no Rexistro Provincial de Asociacións e 2017/021566-1ª no Rexistro Central de Asociacións da Xunta de Galicia, de acordo coa Lei 1/2000 e N.I.F. G-32034928, perante a noticia de que o Partido Popular presentará unha moción no Pleno do día 30 do actual coa fin de que se supriman as subvencións directas ás asociacións culturais do Carballiño, queremos facervos chegar as seguintes consideracións, que en certo modo son semellantes a outros comunicados que estamos a manter co responsable da área de cultura do concello ou conversas oficiosas con algúns membros dos partidos políticos que conforman a corporación carballiñesa.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO


CONSIDERACIÓNS
Que como xa é sabido por todos vós, a nosa asociación ven celebrando dende hai dezasete anos a Mostra de Teatro Amador “Terras do Orcellón” (e antes a “Comedia dos Domingos”), que xa é un referente na nosa comunidade galega e cualificada como a máis importante dentro do teatro afeccionado.
Ano por ano imos medrando, nunca na medida dos nosos desexos, xa que sempre queremos e intentamos que este noso festival de teatro vaia a maiores en cantidade e excelencia, sempre poñendo o noso entusiasmo por diante, o noso esforzo e –na medida en que podemos- a nosa aportación económica, que por desgraza non pode ser moita; porque o pobre pode dar o que ten, pero pouco é o que ten.
Como actividade paralela á mostra sempre organizamos obradoiros formativos que abrimos a todos aqueles que queiran asistir fóra da nosa asociación. E podemos dicir con toda a satisfacción que ata o de agora Tiruleque artellou cursiños de adestramento e perfeccionamento, tales como: Commedia Dell’Arte, Improvisación, Expresión Corporal, Mimo, Emoción, Dirección de Actores, Voz, Interpretación de Léxico, Interpretación do Actor, Memorización, Clown, Declamación, etc. etc…
Tiruleque recibe dende hai anos unha subvención directa, actualmente escasa para os fins que se propón, da que explicaremos a súa orixe máis adiante; subvención que ten como destino a organización da Mostra de Teatro Amador “Terras do Orcellón” exclusivamente. É dicir, Tiruleque non recibe a subvención directa para outros actos que organiza ou poida organizar durante o ano, senón soamente para a tan nomeada Mostra de Teatro.
Tiruleque ven organizando outra serie de actos, a maior parte deles de xeito totalmente gratuíto, como poden ser as representacións a prol da Cruz Vermella, a prol da excursión de fin de curso do IES nº 1, a prol dos refuxiados de Ucraína, Recital de Poemas de Manuel María, ou dos actos da celebración do LX Aniversario do Casino do Carballiño, e en breve colaborará nos actos de celebración do cincuenta aniversario da Agrupación Cultural Avantar.

Sumamos a todo isto a preparación dunha obra de teatro de xeito anual, ata tal punto que neste intre temos dúas obras en cartel coas que acudimos a actos por toda Galicia. Tamén impartimos clases de técnica teatral (Taller de Teatro) no Centro Sociocomunitario do Carballiño. Para estes eventos Tiruleque nin percibe nada nin solicita subvención algunha do concello.
Cando comezamos a organizar as primeiras mostras gobernaba no Carballiño o Partido Popular e as subvención que recibíamos para organizalas eran competitivas (se non se me turba a memoria). Tódolos anos andabamos coa auga ao pescozo, porque a pesar da boa vontade que puideran ter os responsables do goberno, a subvención non se convocaba, non se aprobaba, non daba chegado, e sempre nos atopabamos co evento organizado, coas datas confirmadas, cos grupos de teatro contratados e sen saber cando e canto iamos recibir para pagar a mostra. Lémbrome ben que o departamento de cultura xa parecía a nosa segunda residencia, insistindo día tras días para que se resolvese o tema da nosa subvención.
Un ano, o concelleiro de cultura entendeu por fin as nosas razóns e foi el quen acordou de motu propio que a mellor solución para a nosa tranquilidade era que tiveramos unha subvención directa para organizar a Mostra de Teatro Amador “Terras do Orcellón”, e non tiveramos que andar miañando polos despachos día tras día. Ese concelleiro era don Rodrigo González Hermida.
Escoitamos falar a algúns responsables de que había que terminar coas subvencións nominativas “dadas a dedo” e non podemos por menos que rexeitar o contido pexorativo que pretende ter esa frase, sen dúbida expresada nun momento de quentura de boca e sempre en termos de dialéctica política. O grupo de goberno nin “compra”, nin as asociacións culturais “se venden” porque se lles conceda una subvención directa que nunca, nunca, nunca cubre a totalidade dos gastos.

E debemos manifestar que a subvención “a dedo” que recibe Tiruleque ven apoiada polo bo facer de 39 anos de loita a prol do teatro de base, por unha actividade como é a Mostra de Teatro Amador “Terras do Orcellón” da que nos sentimos orgullosos, loada polo mundo do teatro afeccionado de Galicia e posta como exemplo do esforzo por mellorala ano tras ano.
Tiruleque conseguiu que se asente no Carballiño o Festival Transfronteirizo de Teatro Amador (PLATTA), que neste ano celebrarase nos días 14, 15 e 16 de xuño, contando con grupos de Galicia, Castela-León e Portugal. Tres días de traballos, cursiños, e representacións. Tiruleque, tampouco pediu premio ningún para este acontecemento.
Tiruleque ten organizado o Circuíto de Teatro Afeccionado 2024, coa axuda de Federación Galega de Teatro Afeccionado e patrocinado pola Xunta de Galicia, para os días 22, 23, 29 e 30 de xuño. Para este evento non solicitamos nadiña de nada ao concello.
Tiruleque aconsella sempre aos novos compañeiros que se incorpora ao grupo a que asistan como alumnos á Escola Municipal de Teatro, correndo pola nosa conta os gastos das clases que cobra o concello.
Concordamos en que as subvencións directas non deben ser graciosas para calquera descamisado que presente un proxecto, pero están totalmente xustificadas para aqueles actos xa senlleiros como a nosa Mostra de Teatro Amador “Terras do Orcellón”, o Festival de Habaneras, Festival Galaico Portugués, Festival “Outros Países Outras Músicas” e outras actividades xa asentadas e cun percorrido coñecido e nada dubidoso.
Podemos anticiparnos e vaticinar que, se Tiruleque ve suprimida a subvención directa para a Mostra de Teatro Amador “Terras do Orcellón”, esta verase en serio perigo de desaparecer, porque ningún membro da asociación vai correr o risco de organizar un evento que ten un orzamento de dez mil euros, optar as subvencións competitivas, para terminar recibindo unha subvención que non alcance aos gastos, ou non saber se a subvención que se nos vai conceder será de tres ou de trescentos. Ningún membro de Tiruleque vai solicitar un crédito bancario (que é o trámite normal) para adiantar e atender os gastos iniciais dunha Mostra de Teatro sen ter a seguridade de que a subvención concedida polo concello ten unha cantidade certa. Levamos anos de experiencia nestas producións e abrigamos certas dúbidas sobre a obxectividade coa que se poden outorgar as subvencións competitivas. Como se ven dicindo “temos máis conchas que un galápago” e non perdemos de vista nin nos esquecemos do acontecido
coa asociación cultural Orballo, que quedou embarcada nun millón de pesetas por causa dunha subvención que lles foi denegada a última hora, cando xa o Festival de Teatro Galego (FETEGA) estaba organizado, celebrado e rematado. Un millón de pesetas que lles foi ao lombo aos organizadores.
Tiñamos grandes esperanzas de que para a Mostra deste ano poderiamos aumentar as actividades e o número de representacións; pero visto o visto, perante a actitude da oposición deste concello, matinamos que é moi probable quen teñamos que encartar o proxecto e darlle carpetazo.
Subvención directas existen en tódalas institucións, nos concellos e ata na Deputación de Ourense. Entón debemos preguntarnos: o que está mal no Carballiño, está ben en Ourense?
Así pois, en que quedamos? Estamos por axudar ás asociacións culturais ou por tocarlle os narices ao equipo de goberno? E se tocándolle os narices ao equipo de goberno mancamos de paso aos colectivos culturais… paga a pena?
Somos conscientes de que a oposición debe facer o seu traballo na política, pero sen perder de vista o ser construtivos, positivos e non amolar por amolar. Non caiamos na burramia do que acostuman facer algunhas oposicións cando chegan ao goberno dunha vila: o primeiro é mudar tódolos sentidos de circulación das rúas. Teñamos sentidiño para non entrar no concello coma un elefante nunha cacharrería,
Señores políticos da oposición: están vostedes dispostos a tombar a Mostra de Teatro Amador “Terras do Orcellón” do Carballiño? Se así é, voten a prol de suprimir a subvención directa para a Mostra; ese é o camiño !!!
O Carballiño, a 27 de maio 2024.