“No pleno pasado, a instancia dunha moción de Espazo Común, aprobáronse por unanimidade dous acordos para axudar á veciñanza que está recibindo notificacións para limpar as fincas por mor das medidas de prevención dos incendios forestais. Acordouse a posta en marcha de campañas informativas en todas as parroquias, así coma a posta en marcha dunha oficina de información permanente no Concello para atender a todos os afectados.
Ambas medidas responden a unha situación de descontrol xerada pola notificación masiva dunhas cartas longas e confusas que ameazan xa coa imposición de sancións, esixindo algo imposible como é ter as parcelas rozadas antes do 31 de maio.
O que é aínda peor e que demostra o desastre da xestión realizada é que milleiros de cartas aínda non foron remitidas e o prazo antedito xa venceu hai unha semana.
O caos é monumental e del dan boa conta as colas de xente nas dependencias municipais que non entenden a carta, que descoñecen as fincas, que solicitan un aprazamento, que demandan información ou que están mal notificadas.
Os traballadores do servizo e do Rexistro Municipal están completamente desbordados.
Diante da situación de anarquía xerada polo desleixo e a falta de previsión do alcalde e do goberno municipal cómpren solucións inmediatas e urxentes que permitan aos afectados cumprir a lei sen a agonía desas sancións pendendo sobre eles.
Cómpre alongar, de xeito excepcional, o prazo fixado para a roza das parcelas, e cómpre facelo aportando seguridade xurídica. Non abonda con dicirlle a algúns afectados que soliciten unha ampliación do prazo e despois non darlles máis ca unha resposta verbal que os deixa legalmente desamparados no caso de que houbese algún incendio.
Por todo isto, Espazo Común vai rexistrar un escrito dirixido ao alcalde Fumega no que vai demandar:
1. A ampliación do prazo para rozar as parcelas notificadas polo tempo que se estime suficiente para a súa execución coa conseguinte suspensión do inicio do procedemento sancionador igual para todos e cada un dos cidadáns afectados.
2. A publicación dun bando no que se informe ós titulares das parcelas próximas a edificacións da necesidade de que as manteñan libres de biomasa forestal , aínda que non lles chegase a carta coa notificación”.