A nulidade do cese do Interventor municipal declarada polo Xulgado revela, segundo o BNG, “que estabamos no certo cando advertimos da súa ilegalidade “

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

A nulidade do cese do Interventor municipal declarada polo Xulgado revela, segundo o BNG, “que estabamos no certo cando advertimos da súa ilegalidade e de que respostaba ás pretensións do Alcalde de silenciar a quen fiscaliza a súa nefasta xestión económica”

Desde o Grupo municipal do BNG no Concello de Ourense entenden que o fallo do Xulgado do Social número 1 de Ourense demostra que a motivación do Alcalde para tomar a decisión de cesar ao Interventor “non respostaba a ningún criterio técnico pois, tal e como denunciamos reiteradamente, Jácome o que pretende é silenciar aos funcionarios que, según el, non lle son útiles aos seus intereses”

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Logo de coñecer o anuncio do Xulgado do Social número 1 de Ourense no que se declara nulo o cese do Interventor municipal así como que a conduta do Alcalde Gonzalo Pérez Jácome é constitutiva de acoso laboral, o Portavoz nacionalista Luís Seara sinala que, “o Maxistrado confirma o que nós viñemos denunciando ao longo dos últimos meses en relación a este asunto, que o cese do Interventor non se axustaba a dereito”.

“Advertimos que o cese non tiña base legal pois fóra nomeado por concurso e non por libre designación e que en realidade, obedecía non a cuestións técnicas senón que estabamos diante dunha persecución e caza de bruxas contra todos aqueles funcionarios que simplemente fan o seu traballo con obxectividade e rigor e non son dóciles aos intereses da alcaldía”.

Para o BNG, o acontecido resposta á “incapacidade manifesta de Jácome, quen busca permanentemente culpables ante a insostible situación económica na que ten sumido ao Concello”, e engade, “o acontecido é gravísimo pois o que pretendía o Goberno Local era cesar á persoa encargada da fiscalizar a acción económica do Concello, un Concello, insistimos, sumido nunha grave situación económica que veremos agravada nos vindeiros meses”.

Luís Seara chama a atención sobre o feito de que “estamos diante da segunda sentenza que condena ao Concello por acoso, logo da ditada no caso da Intendente-Xefa da Policía Local e que o obriga a ter que pagar unha indemnización de 30.000 euros que sairán dos petos da veciñanza. Jácome segue a pensar que xestionar o Concello de Ourense é como xestionar Jolper”.