O sábado (día 29): Xornada monográfica de Galiza Cultura sobre Castelao

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Galiza Cultura celebra unha xornada de recuperación e dignificación da obra e pensamento de Castelao no 40 aniversario da traída dos seus restos

A xornada ‘Revivindo Castelao. 40 anos de silencio e ocultación’ celebrarase o sábado 29 de xuño, desde as 9.45 horas, en Santiago de Compostela

COMERCIAL ORCELLÓN

Esta actividade realizarase conxuntamente cunha campaña que se desenvolverá en librarías do conxunto do país para que a sociedade galega se achegue á obra do político galego

A Federación de asociacións culturais galega reunirá a historiadores, docentes, xornalistas e economistas para achegármonos ao contexto cultural, social e político da Galiza na que se trouxeron os restos de Castelao así como farán unha aproximación á vixencia do seu pensamento e da súa obra na actualidade

O Museo do Pobo Galego albergará esta xornada de mañá e tarde que presenta unha extensa programación con palestras, debates, mesas redondas e proxeccións de audiovisuais

Santiago de Compostela, 14 de xuño. O vindeiro sábado 29 de xuño, a Federación de asociacións culturais Galiza Cultura, que acubilla ao tecido asociativo do sector no país, organizará, desde as 9.45 horas, no Museo do Pobo Galego en Santiago de Compostela, a xornada ‘Revivindo Castelao. 40 anos de silencio e ocultación‘, coincidindo co aniversario da traída dos seus restos a Santo Domingos de Bonaval.

A xornada, que reunirá a historiadores, docentes, xornalistas e economistas, ten por obxecto, en sendas quendas de mañá e tarde, analizar o contexto cultural, social e político no que esta traída se realizou, recuperar o pensamento e a obra do político galego e a analizar a súa vixencia na actualidade.

Deste xeito, a programación da mañá prevé comezar ás 9.45 horas coa presentación da data a cargo de Xosé Manuel Carril, presidente da Federación Galiza Cultura, e Anxo Louzao, portavoz da Plataforma Vía Galega.

A seguir desenvolveranse, sucesivamente, tres palestras que terán como eixo, precisamente, dar contexto á traída dos restos de Castelao, o seu pensamento político e como na actualidade está a ser tratada e dignificada a súa figura.

Así, a partir das 10 horas, terá lugar a palestra ‘As razóns dun conflito’, cargo de Francisco Rodríguez, historiador, profesor e escritor, que será introducido por Pilar Allegue, profesora de filosofía e escritora, actividade que porá o marco a respecto da situación creada por quen se apropiou da figura de Castelao naquel momento para traer os seus restos e a última vontade do político galego antes da súa morte, antagónica coa situación política que a aquela altura se vivía.

A seguir, ás 10.30 horas, será a quenda da palestra ‘O pensamento de Castelao’ a cargo de Manuel Rei Romeu, docente e escritor, coa introdución de Lucía Veciño, graduada en Historia e secretaria da Fundación Galiza Sempre, na que se abordará o pensamento e obra de Castelao e a súa significación e importancia a aquela altura na sociedade galega e a súa influencia na política galega.

Ao seu remate, e desde as 11 horas, terá lugar a terceira palestra da mañá baixo o título ‘Castelao 40 anos despois’, a cargo de Pilar García Negro, profesora e escritora, con introdución de Alberte Ansede, profesor e presidente da Fundación Manuel María, cunha achega a situación actual a respecto da figura de Castelao, o tratamento e dignificación do seu pensamento e a vixencia na nosa sociedade.

A quenda da mañá pecharase a partir das 12.30 horas cunha mesa redonda, ‘A vitoria de non xurar’, presentada por Guillerme Vázquez, licenciado en medicina e cirurxía, profesor e ex portavoz nacional do BNG, na que participarán Lois Diéguez, escritor, e Claudio López Garrido, economista, ambos parlamentarios do BN-PG expulsados do Parlamento galego en novembro de 1982, así como a proxección dun audiovisual de Bautista Álvarez, tamén, xunto cos anteriores, expulsado a aquela altura, que profundarán no sistema e marco políticos e na situación xerada no complexo sistema de partidos e as consecuencias nos anos posteriores.

Xa pola tarde, e desde as 16 horas, a xornada terá continuidade coa proxección dun audiovisual sobre a contorna e a propia data da traída dos restos de Castelao, o 28 de xuño de 1984, prólogo á mesa redonda ‘Verdade e dignidade na información’, coa participación dos xornalistas Tareixa Navaza, Xan Carballa e Alfonso Eiré, moderada por Margarita Ledo Andión, xornalista, escritora e cineasta, que achegarán, desde a perspectiva dos medios de comunicación, como se viviu aquela xornada, a cobertura realizada e o impacto mediático que tivo nunha sociedade sen redes sociais, sen apenas medios de comunicación televisivos, (so había dúas canles de televisións, da única televisión pública á aquela altura, TVE), e a retransmisión en vivo efectuada. Esta actividade baixará o pano da xornada logo de abrir un coloquio entre as persoas asistentes.

Finalmente advertir, que dadas as limitacións de aforo, é necesaria a anotación previa nesta xornada, dando prioridade á orde de inscrición, pudendo facerse esta unicamente a través do correo da Federación, isto é federacion@galizacultura.gal.

Con todo, esta xornada realizarase conxuntamente cunha campaña que previamente se desenvolverá en librarías do conxunto do país para que a sociedade galega se achegue á obra do político galego. Deste xeito, a Federación Galiza Cultura repartirá na vilas do país, de xeito gratuíto, naqueles establecementos  que así o desexen, cartelaría que louva a figura de Castelao animando á merca da súa obra nestes comercios libreiros acollidos á campaña.

Por último sinalar, que esta actividade está financiada grazas ás axudas do programa FO203 de subvencións a entidades sen fins de lucro para a realización de actividades culturais durante o ano 2024 da Área de Cultura da Deputación da Coruña e conta coa colaboración da Plataforma Vía Galega e do Museo do Pobo Galego.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------