O pleno da Deputación de Ourense aproba as iniciativas socialistas para solucionar o peche da mina de Penouta e de solidariedade co pobo palestino

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Todos grupos subscribiron a moción do PSdeG-PSOE urxindo á adopción de medidas para a recondución da situación da explotación de coltán en Viana do Bolo trala recente sentenza do TSXG.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

“A Deputación ten que ser parte da solución fronte á falta a proactividade da Xunta para acadar unha solución e que a mina non permaneza paralizada”, denunciou o socialista Tino Alonso.

Aínda que coa abstención de BNG e DO, tamén se aprobou a iniciativa de solidariedade con Palestina, instando a Israel a poñer fin “ao asedio e bombardeos indiscriminados sobre a civís” en Gaza.

Ourense, 28 de xuño de 2024. Por unanimidade aprobouse a moción socialista urxindo á Deputación de Ourense a adoptar medidas para a pronta recondución da situación da Mina de Penouta, en Viana do Bolo, trala sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que paraliza a súa actividade. Amais de demandar da Deputación que facilite asesoramento e atención aos traballadores “para paliar a difícil situación que atravesan”, a iniciativa esixe a aceleración na realización das análises sobre a realidade das condicións hídricas na entorna da explotación. “Augas de Galicia, que depende da Xunta, está a tardar demasiado en dar conta dos resultados das analíticas dos metais pesados”, denunciou o deputado socialista Tino Alonso.

En base ao principio de precaución, o TSXG entende que “non convén permitir a actividade ata que non se realicen os estudos que avalíen os niveis de metais”. Para Alonso, “hai que tomar as decisións oportunas para que a Mina volva a funcionar cumprindo cos requisitos medioambientais e que non se vexan afectados os postos de traballo que tanto necesita a Galicia baleirada”. Tal e como coincidiron todos os grupos da corporación provincial, é un feito a importancia da Mina de Penouta para a economía da comarca de Viana, dependendo directamente da súa actividade un total de 129 familias, así como empresas auxiliares e de servizos, estimando os sindicatos que se crean até tres postos indirectos por cada traballador da explotación.

A iniciativa socialista tamén contempla a elaboración dun estudo en profundidade sobre a realidade e potencialidades do sector mineiro na provincia, que inclúa o estado de cousas actual das concesións e dereitos mineiros con vistas á actualización e reordenación do sector. Para Alonso, “o goberno autonómico ten que darlle unha volta ás concesións deste tipo de explotacións e, nalgúns caso, volver a sacalas a concurso porque non é admisible que a Mina de Penouta permaneza pechada tratándose dunha explotación única en Europa, onde se extrae coltán, que é un mineral estratéxico a nivel mundial”.  “Fronte a falta de reactividade da Xunta, a Deputación está na obriga de ser parte da solución para un aproveitamento sustentable e respectuoso co medio ambiente das oportunidades que ofrece a explotación dos minerais raros na nosa provincia”, sentenzou Alonso.

A provincia con Palestina

Aínda que coa abstención de BNG e DO, o Pleno da Deputación aprobou a iniciativa socialista de solidariedade con Palestina, instando ao Estado de Israel a poñer fin “ao asedio e bombardeos indiscriminados sobre a poboacións civís” na Franxa de Gaza. A moción do Grupo Provincial Socialista contemplaba unha proposta para que os grupos subscribiran unha declaración conxunta facendo énfase na “situación de desleixo e sufrimento do pobo palestino”, á que non se adheriron nin deputados nacionalistas nin do partido de Pérez Jácome. “Porque é de xustiza denunciar o sufrimento que padecen os palestinos, se poña fin ás masacres e se levante o bloqueo a prol do subministro de produtos básicos e axuda humanitaria”, sostivo deputado socialista Diego Fernández.

Afeando o sentido do voto do BNG, Fernández subliñou que “non se trata dunha moción de corte político, nin para vangloriar a deriva diplomática do goberno, nin para contrapoñer a visión duns partidos sobre outros, que existen, subscribindo nós mesmos posicións máis expeditivas contar o Estado agresor”. Porén, sostivo o deputado socialista, “o que se pretende neste instancia, na Deputación de Ourense, é mostrar unha fronte unida, manifestar a solidariedade dos nosos grupos políticos, facer todo o que estea na nosa man para paliar o drama en curso e chamar a atención da opinión pública provincial sobre unha catástrofe sen paliativos, non pudendo permanecer impasibles diante da exterminación dos palestinos”.

A proposta socialista, que finalmente foi aprobada polo voto maioritario do pleno, tamén contempla contempla que a Deputación de Ourense axude e coordine iniciativas para a recollida de axuda humanitaria entre concellos e organizacións de toda a provincia. “Debemos poñer todos os medios ao dispor da Deputación para recadar os aportes cidadáns e institucionais, dispoñendo de centros de recollida e almacenamento ou facilitando o transporte para poñer as achegas en mans de instancias e axencias habilitadas para conducir as achegas ata os damnificados palestinos, como poder ser a Cruz Vermella, entre outras”, afirmou Fernández. “Na medida das nosas posibilidades, non podemos manternos á marxe”, concluíu o deputado socialista.