O grupo socialista tilda de “tenue, lento, pouco áxil e ineficaz” o apoio da xunta aos sectores afectados pola crise do coronavirus

Juan Carlos Francisco puntualiza que as axudas para autónomos anunciadas polo presidente da Xunta “tocarían a apenas 250 euros para cada traballador”

Publicidade

O portavoz de Economía do Grupo Socialista, Juan Carlos Francisco, criticou o apoio “tenue, lento, pouco áxil e ineficaz” por parte da Xunta aos sectores afectados pola crise. O responsable socialista presentou unha interpelación na que lle reclamou ao goberno galego que utilice a capacidade de endebedamento desbloqueada pola crise ao mantemento do emprego e a actividade económica.

Francisco criticou que as “poucas medidas” do goberno galego foron presentadas ademais nunha “estratexia da confusión” que os levan a anunciar 30 millóns de euros para autónomos e outros 17 millóns para a hostalería que Feijóo aumentaba arbitrariamente a 100 millóns nunha entrevista nun xornal galego. En calquera caso, explicou que as axudas para autónomos e os outros 2 millóns para actividades pechadas só suporían 250 euros por traballador.

Reclamoulle ao goberno galego que “dea resposta ao conxunto da economía afectado polas restricións” e citou “especialmente aos hostaleiros, pero tamén ás 600 axencias de viaxe e aos 8.000 autónomos de venta ambulante de Galicia”. Reclamou a intervención da Xunta para afrontar unha situación “agónica” que provocou ata o momento o peche de 12.800 negocios, aproximadamente 45.000 traballadores, e a caída do 9,7 por cento do PIB.

685 millóns de euros

Juan Carlos Francisco lembroulle ao goberno galego que Galicia recibirá 685 millóns de euros de transferencias do Estado, que asumirá o 1,1 por cento do déficit, para facer fronte á crise, o que permite que presenten os orzamentos máis altos da historia. Reclamoulle que primen o suplemento de gasto e a capacidade de endebedamento a “manter o emprego e a actividade económica”.

Unha vez remate a emerxencia pola pandemia, sinalou, “reorientar a actividade económica cara aos eixos da transición ecolóxica, a transformación dixital, a modernización da actividade económica e a cohesión social”. Urxiu a adoptar unha “reacción máis áxil, con máis profundidade e de calado da Xunta” seguindo a estela das institucións da UE, que teñen posto a disposición tódolos mecanismos comunitarios, optimizando o orzamento e desbloqueando fondos.

Juan Carlos Francisco Rivera e Matilde Begoña Rodríguez Rumbo, deputado e deputada pertencentes ao Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, ao abeiro do disposto no artigo 147 do Regulamento da Cámara, presentan ante esa Mesa a seguinte interpelación.

A vixente crise sanitaria provocada pola COVID-19, anexou de xeito indefectible unha crise económica de efectos e consecuencias sen precedentes no período de entre-guerras. Na actual crise,   a acción pública, masiva e precisa se torna absolutamente fundamental, sen que hoxe sexa discutible, nin tan sequera polos conservadores máis recalcitrantes, o papel decisivo que deben abandeirar os poderes públicos coa inxección inxente de fondos e recursos na economía real.

Nunha  situación  coma  a  que  estamos  a  vivir,  sen  intervención  pública  os mercados no poderían reaccionar, nin os mercados reais, nin os mercados financeiros.

A crise económica xerada  pola COVID-19 é brutal,  tanto de oferta, coa caída da produción, como especialmente de demanda,   cunha diminución da renda dispoñible  a  curto  e  medio  prazo  moi  severa  a  consecuencia  do  peche  de negocios, caída de vendas, perda de empregos, ERTES e demais.

Asemade, a crise tamén afecta os circuítos financeiros, esenciais para manter a liquidez das empresas e negocios.

É verdade que diante dunha crise sanitaria (incerta no tempo) a solucións a crise económica son igualmente complexas. Ninguén ten un manual para actuar diante deste tipo de situacións sen precedentes.

Con todo, debemos salientar o papel xogado pola UE, como unha unidade de solidariedade e apoio mutuo, activando recursos e instrumentos xa existentes, ou creando outros ex novo como o SURE ou CRII, flexibilizando o Pacto de estabilidade e crecemento, ou mesmamente mudando o orzamento europeo para facer fronte a crise.

A  crise  xerou  determinadas  certezas, tamén en Galicia: caída da actividade económica e do emprego (caída do PIB en Galicia entre 8,5 % e 12,7 % , segundo o Foro Económico de Galicia, que pode chegar o 18,9 % en caso dun segundo confinamento), e a afectación intensa en Galicia de sectores coma o turismo,

comercio, hostalería, ocio e a industria ligada ao sector cultural especialmente, cunha menor  intensidade na industria,  e mantendo o sector agro-alimentario un nivel mínimo de efectación.

Diante desta situación, para o conxunto do estado, o Goberno presidido por Pedro Sánchez comprometeu a mobilización de 200 mil millóns de euros (20 % do PIB), dos que o 58,5 % serán achegados directamente polo sector público. Un compromiso de investimento público, nunca coñecido.

Neste contexto, Galicia participará no reparto dun fondo de 2.800 millóns dedicados a fortalecer a  sanidade, un fondo de 600 millóns para financiar as prestacións sociais nas comunidades autónomas,  e nun fondo extraordinario de

16 mil millóns dedicado a paliar as consecuencias da crise e dos custes adicionais da pandemia. Dentro deste último fondo, Galicia participará no reparto dun tramo de 2000 millóns dedicados a fortalecer e mellorar o sistema educativo,  a pesar de que o Sr. presidente da Xunta de Galicia teña manifestado o seu rexeitamento a que eses fondos sexan investidos en educación.

A  maiores,  os  fondos  que  proveñen  do  Estado  –  300  millóns  mensuais  – permitiron sufragar prestacións en Galicia, que afectaron a máis de 272.000 galegos e galegas  a través dos ERTES,  e máis de 68.000 autónomos/as que viron reducida a súa actividade ou mesmamente tiveron que pechar o seu negocio.  E dicir, practicamente o 25 % dos asalariados e das asalariadas e unha proporción similar  das  persoas  autónomas  obtiveron  unha  prestación  extraordinaria  do Estado. Si a estas prestacións extraordinarias, lle engadimos as prestacións ordinarias (pensións, subsidios desemprego, salarios de persoas funcionarias, pensións), máis da metade da poboación adulta en Galicia estaba (e en parte está) percibindo ingresos dependentes dos orzamentos públicos, o que indica a magnitude do esforzo realizado, pero tamén a imposibilidade de mantelo a longo prazo.

En canto ás empresas, máis de 7.393 empresas galegas foron avaladas polos programas dependentes do ICO,   por importe global de 1.795 millóns de euros (3 % PIB Galicia).

A contundente e rápida reacción do Estado e o calado das medidas adoptadas, non se  compadece  coa  actuación  do  Goberno  da  Xunta  de  Galicia  que  ten reaccionado, no marco da súa  competencia e capacidade orzamentaria,  de  xeito escaso.

Non cuestionamos as medidas adoptadas polo Goberno galego, cuestionamos a pouca amplitude das mesmas, a escasa priorización e a pouca creatividade na resposta aos problemas.

Dende o Grupo Parlamentario Socialista consideramos que o Goberno galego dispón de ferramentas para darlle amplitude de resposta a crise a través  do Igape, que debera xogar un papel máis intenso no impulso o emprendemento e na cobertura  e  na  financiación    dos  créditos  e  avais  para  dotar  de  liquidez  ás empresas e persoas autónomas.

A aposta pola dixitalización da Administración pública e tamén dos axentes privados, e o fomento do teletraballo debera ser igualmente unha prioridade.

A maiores, entendemos que o propio orzamento da Xunta de Galicia ten marxe suficiente para reorientar partidas e programas non executados polo retraso na súa convocatoria ou mesmamente que resultan inviables como consecuencia da pandemia.

A axilización dos Fondos Europeos debera ser unha ferramenta indispensable, anticipando incluso recursos propios da Xunta de Galicia. A utilización do fondo de continxencia, a participación no Fondo Extraordinario de 16 mil millóns, dos cales nun primeiro tramo lle corresponden 268 millóns …, son instrumentos que ben xestionados amosarían unha eficacia  importante.

Por todo o exposto, o deputado e a deputada que asinan interpelan ao Goberno galego nos seguintes termos:

1.  Considera o Goberno galego que hai marxe suficiente para facer unha maior mobilización dos seus recursos de cara enfrontar a crise económica derivada da COVID -19 ?

2. Considera o Goberno galego o establecemento de axudas directas a persoas autónomas, tal como ocorre noutras comunidades autónomas?

3. Considera o Goberno galego a necesidade de reforzar orzamentariamente a

Risga e as axudas sociais de emerxencia, diante do agravamento da crise?

4.  Considera  o  Goberno  galego  efectuar  transferencias  extraordinarias  aos concellos do país para actuacións sociais prioritarias?