O PSdeG-PSOE de Leiro defenderá no pleno do vindeiro luns unha moción na que insta ao Concello a posta en marcha dun plan de rehabilitación, conservación e posta en valor das fontes e lavadoiros do municipio. Os socialistas tamén lle reclaman ao grupo de goberno municipal que busque financiamento a través de subvencións doutras administracións para levar a cabo esta iniciativa. Os socialistas apuntan a que na actualidade estas actuacións deberían levarse a cabo en 29 fontes ou lavadoiros do municipio que se atopan en “moi mal estado”.
Dende o Grupo Municipal Socialista denuncian que na actualidade moitas destas fontes municipais e lavadoiros se atopan nun estado de “total abandono e desleixo” e subliñan que en moitos casos as fontes “practicamente desapareceron entre a maleza debido a pasividade do goberno municipal”. Consideran “urxente” unha intervención para a conservación e mantemento deste patrimonio e que deste xeito “se recuperen en todo o seu esplendor, restablecendo e pondo en valor unha peza máis do gran patrimonio do noso municipio”.
Para o voceiro socialista en Leiro, Manuel Rodríguez Vázquez, destaca que “é responsabilidade do Concello a recuperación e posta en valor do patrimonio do municipio para evitar que este se deteriore de forma irremediable e incluso chegue a desaparecer co paso do tempo”. Considera tamén que o Concello, como administración máis próxima ao cidadán “debería traballar arreo polo futuro e progreso do noso concello e proporcionar unha mellor calidade de vida e benestar á veciñanza, cousa que non está pasando actualmente en Leiro”.
Para Rodríguez a recuperación e conservación destas fontes e lavadoiros “debe ser unha obriga moral dos dirixentes deste concello” e apunta a que “na actualidade este patrimonio se atopa nunha situación de abandono inadmisible para a veciñanza do noso municipio”.
Fomento da conciliación da vida familiar, laboral e persoal e da igualdade
Os socialistas tamén levarán ao pleno municipal do luns outra moción na que lle piden ao Concello de Leiro que solicite adherirse ao Plan de Conciliación da Xunta e que a súa vez se elabore por parte do consistorio un proxecto de conciliación para enviar a Consellería de Emprego e Igualdade no cal se inclúan os campamentos educativos de verán, no nadal, semana santa, madrugadores todo ano, conciliación en período escolar e vacacional, fomento da conciliación, talleres de conciliación ou servizo madruga e comedor entre outros.
Dende o Grupo Municipal Socialista tamén inciden en que se solicite a Consellería de Emprego e Igualdade adherirse ao programa de igualdade entre homes e mulleres e de prevención e tratamento da violencia de xénero para levar a cabo programas como: clave de muller, crece en morado, promoción da igualdade e prevención da violencia de xénero, escolas de empoderamento ou taller de empoderamento e creatividade entre outros.
Para o voceiro socialista, Manuel Rodríguez, o Concello de Leiro “non pode mirar para outro lado” e esixe que se leven a cabo proxectos de conciliación, xa que considera que “a problemática está aí, polo que o goberno municipal ten que afrontar este problema que padecen moitas familias no noso municipio para conciliar a vida laboral, familiar e persoal, ademais de levar a cabo políticas e proxectos enfocados a promoción da igualdade entre homes e mulleres e a súa vez previr e tratar a violencia de xénero”.