O deputado de Representación Institucional, Rosendo Fernández, acudiu ao acto público organizado en Valença do Minho
Valença do Minho, 2 de xullo de 2024.A antiga alfándega de Valença do Minho (Portugal), acolleu hoxe o acto de presentación do Manifesto da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal en favor da construcción da liña de alta velicidade ferroviaria que une Vigo con Porto. O deputado de Representación Institucional, Rosendo Fernández, acudiu en nome da Deputación de Ourense.
A este manifesto adheriuse por escrito a Deputación de Ourense, manifestando “unha clara defenda do impulso da liña de alta velocidade ferroviaria Vigo-Porto-Lisboa como unha infraestrutura prioritaria e estratéxica en virtude dos principios de vertebración territorial e do desenvolvemento social e económico de España e de Portugal”.
Tamén pon de manifesto a institución provincial “a necesidade de que estas conexións ferroviarias se acompañen das necesarias disposicións dun orzamento e un calendario realista para acometelas dentro dos prazos inicialmente comprometidos”, deixando constar tamén que “outras conexións poden ter tamén a súa razón de ser, pero soamente se se afrontan cunha visión ampla, integradora e de pulo estruturado e coordinado para acadarmos os mellores resultados, e respectando as prioridades que ata agora teñen sido manifestadas”.