Os socialistas galegos reclaman a cobertura dos servizos de pediatría, dos que xa carecen máis de 200 concellos

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Carmen Rodríguez Dacosta esixiulle á Xunta que poña fin a catro anos de promesas incumpridas e incorpore un especialista ao centro de saúde do Pereiro de Aguiar para prestar atención aos máis de 800 nenos e nenas do municipio

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

A deputada visitou o ambulatorio ourensán, que puxo como exemplo do que está a acontecer en numerosos puntos de toda Galicia, con familias que deben facer longos desprazamentos para que os máis pequenos teñan acceso a unha consulta

Santiago, 6 de xullo de 2024. A situación dos servizos de pediatría segue a empeorar en toda Galicia ás portas do verán. Tal como denunciaba esta mesma semana a plataforma SOS Sanidade Pública, xa pasan dos 200 os concellos que carecen de atención especializada para as nenas e os nenos. Nese contexto, o PSdeG vén de reiterar a súa reclamación de que se cubran as prazas existentes nos centros de saúde e que se reduzan as listas de espera para pasar consulta.

A deputada ourensá Carmen Rodríguez Dacosta achegouse a un deses centros de saúde nos que non se están a cubrir as vacantes ou directamente non contan con pediatra, o do Pereiro de Aguiar. Alí, as familias levan agardando dende hai catro anos a que se cubra a especialidade para que os máis de 800 cativos e cativas do municipio non teñan que desprazarse fóra del para que os vexa o médico. Trátase dunha promesa que data do 2020, cando Feijoo presidía a Xunta, pero dende entón non houbo ningún tipo de avance para dotar de pediatra o centro de saúde.

Rodríguez Dacosta, que se reuniu coa voceira socialista no Concello, Luisa Dosantos, para analizar o problema, lembrou que “foron múltiples as reivindicacións do Partido Socialista para a posta en marcha do servizo de pediatría nun municipio no que a poboación segue a medrar”. A parlamentaria cualificou de “crítica” a situación, dado que as famlias deben desprazarse ata un centro de saúde, o da rúa ourensá de Valle Inclán, que está “completamente saturado”.

Por ese motivo, avanzou, o Grupo Socialista no Parlamento galego presentará unha serie de iniciativas co obxectivo de que a Xunta “cumpra a promesa de Feijoo e O Pereiro de Aguiar teña dunha vez por todas ese pediatra que tanto precisa”.

Protestas en toda Galicia

O problema que padecen as familias do municipio ourensán é cada vez máis habitual en todas as comarcas do país. Só nos últimos meses houbo protestas pola falta de pediatras en lugares coma Verín, O Carballiño, Soutomaior, Xinzo de Limia, Arzúa, Fornelos de Montes, Coles ou Oleiros, entre outros. No Barco de Valdeorras, por exemplo, un só profesional atende a máis de 2.000 nenos e nenas, cando o cupo non debería exceder os 1.100, o que motivou tamén mobilizacións.

En total, en Galicia máis de 11.000 pequenos non teñen pediatra asignado. Hai casos nos que nenos e nenas reciben a atención de médicos de familia por falta de persoal ou son derivados a centros de saúde e hospitais máis afastados cando se producen baixas ou non se cubren as vacacións dos titulares. Noutras ocasións, enfróntanse a listas de espera de dúas semanas, como ocorre, por exemplo, en Fene ou Ordes.