ABANCA e Afundación presentan na Pobra de Trives a exposición de fotografías «Fauna esencial»

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

I O acto de inauguración terá lugar o vindeiro luns 22 de xullo, ás 12.00 h, na Sala de Exposicións do edificio Santa Leonor
I A mostra enmárcase no proxecto «Corrente cultural» que propicia a colaboración entre ABANCA, Afundación e o Concello da Pobra de Trives

19.07.2024. A Sala de Exposicións do edificio Santa Leonor da Pobra de Trives acollerá o vindeiro luns 22 de xullo, ás 12.00 h, o acto de inauguración da exposición fotográfica «Fauna esencial», un percorrido pola beleza e a fraxilidade das especies máis representativas da nosa contorna natural. Esta iniciativa é posible grazas á colaboración entre o Concello de Pobra de Trives, ABANCA e Afundación, institucións que estarán representadas no acto coa presenza da alcaldesa do Concello de Pobra de Trives, Patricia Domínguez; o coordinador institucional de ABANCA en Ourense e Lugo, Mateo Alonso; e o subdirector da oficina de ABANCA de Pobra de Trives, Pablo Calderón. Esta mostra, de entrada libre e gratuíta, poderase visitar ata o 29 de agosto, de luns a venres en horario de 10.00 a 13.30 h e os sábados e festivos en horario de 11.00 a 14.00 h.
A exposición «Fauna esencial» é unha enriquecedora viaxe a través da diversidade da nosa vida silvestre. Está conformada por 28 fotografías realizadas polo naturalista Ezequiel Martínez, fotógrafo especializado en retrato de natureza que colabora con numerosas publicacións especializadas. As imaxes están acompañadas de textos explicativos coas características biolóxicas, hábitats, costumes, alimentación, distribución xeográfica ou os perigos aos que se enfrontan para a súa supervivencia. Unha mostra de grandes retratos con primeiros planos dalgunhas das especies máis significativas da Península Ibérica coma o oso pardo, a cegoña, o voitre leonado, o gamo, o cervo, a curuxa ou a aguia imperial.
Esta colaboración é parte do proxecto «Corrente cultural», que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. Grazas a este proxecto, Afundación, a Obra Social de ABANCA, impulsa a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística alén das súas sedes e trasladándoa ás vilas galegas para desenvolver tamén nelas as actividades da entidade.
Tamén se enmarca na iniciativa «Cultura por alimentos» que Afundación leva a cabo en colaboración con FESBAL (Federación Española de Banco de Alimentos) e que pretende achegar alimentos de primeira necesidade aos bancos de alimentos locais. A entidade invita aos visitantes a colaborar con esta iniciativa a través da doazón de alimentos non perecedoiros ao visitar a mostra.

Evento Inauguración da exposición «Fauna esencial»
Lugar Sala de Exposicións do edificio Santa Leonor de Pobra de Trives
Data e hora Luns 22 de xullo, ás 12.00 h

Asistentes Patricia Domínguez Barja, alcaldesa do Concello de Pobra de Trives
Mateo Alonso San Román, coordinador institucional de ABANCA en Ourense
Pablo Calderón, subdirector da oficina de ABANCA de Pobra de Trives