A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia abriu o telón a unha semana chea de representacións. O pasado venres inaugurábase este evento cultural senlleiro, que celebra os 40 anos da súa posta en marcha. Este acto foi a antesala a unha fin de semana con cheo completo de butacas apostando por espectáculos arredor de danza, o circo e as artes híbridas.
Esta edición de 2024, conta con espectáculos galegos, do resto do Estado e de diferentes países internacionais como Brasil, Arxentina, Francia ou Chile. Un total de 21 espectáculos, tres cursos de formación escénica, unha exposición e máis de 10 actividades paralelas converten a Ribadavia nun concentrado foro escénico de 9 intensos días de artistas de primeiro nivel e traballos de alta calidade. Con máis de 40 anos de historia, a MIT está quizais nun dos seus mellores momentos, cunha conexión forte co público e unha defensa esencial do territorio.