A Xunta vén de sacar a licitación as obras de rehabilitación de catro edificios para crear 14 vivendas para aluguer social no casco histórico de Ourense e nos concellos de Ribadavia e Tui. O investimento total ascende a uns 3,2 millóns de euros e as empresas teñen ata o 20 de setembro para presentar as súas ofertas.
Os citados catro inmobles foran adquiridos pola Xunta, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), no marco do Programa Rexurbe por un importe de 633.359 €. Agora, a licitación destas obras divídese en tres lotes distintos, un por concello, e ademais das 14 vivendas habilitaranse 3 locais nos edificios.
Todas as vivendas rehabilitadas pasarán a formar parte do parque público de vivendas da Xunta e adxudicaranse en réxime de aluguer social con persoas inscritas no Rexistro de demandantes de vivenda de Galicia.
O primeiro lote corresponde ás obras de rehabilitación integral de dous edificios da cidade de Ourense. Unha delas está situada na praza de Manuel Sueiro 3 -esquina Libertad 28, no centro histórico, e destinarase a 5 vivendas de promoción pública (unha delas adaptada), así como a 5 trasteiros e 1 local. O orzamento de licitación ascende a 1,1 millóns de euros.
Este edificio a rehabilitar procede da agregación das parcelas situadas na rúa da Liberdade 28 e na praza Manuel Sueiro 3, que foi aprobada polo Concello de Ourense a partir do Estudo de Detalle presentado polo IGVS.
O segundo inmoble está situado no número 9 da rúa Pelaio, tamén no centro histórico de Ourense, e destinarase a 1 vivenda de promoción pública. Consta de planta baixa, tres plantas e soto e o orzamento de licitación aproxímase aos 253.000 euros.
No concello de Ribadavia reformarase un edificio de esquina, situado no centro histórico, concretamente na praza García Boente 1, para destinalo a 5 vivendas de promoción pública, 5 trasteiros e 1 local. O orzamento de licitación é de 1,1 millóns de euros.
E en Tui, na provincia de Pontevedra, licitan as obras de rehabilitación integral dun inmoble da rúa Obispo Castañón no 20, no casco histórico da vila, que se dedicará a 3 vivendas de promoción pública, 3 trasteiros e 1 local. O orzamento de licitación da obra ascende a uns 692.000 euros.
Todos os proxectos axústanse ao Real decreto 853/2021, do 5 de outubro, polo que se regulan os programas de axudas á rehabilitación residencial e vivenda social do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. En concreto, teñen en conta os requisitos en materia de eficiencia enerxética, consumo de enerxía non renovable, circularidade e xestión de residuos, que se reflicten no devandito decreto.
Con este novo contrato, o Goberno galego, ademais de incrementar o parque de vivendas de promoción pública na comunidade autónoma, continúa traballando a través da rehabilitación e promoción dos núcleos históricos, na rexeneración destas zonas e no establecemento de poboación neles.