O subdelegado do Goberno asiste á posta en marcha das instalacións provisionais que ocupará a Garda Civil de Verín durante as obras de construción do novo cuartel

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO
  • Mentres duren os traballos, os servizos da Compañía prestaranse nun espazo cedido gratuitamente polo Concello de Verín
  • A construción do novo cuartel conta cunha inversión por parte do Estado de 6,3 millóns de euros
  • Do 12 de agosto ao 5 de setembro, a Secretaría de Estado de Seguridade do Ministerio do Interior mantén aberto o procedemento de licitación coa súa publicación na Plataforma de Contratación do Sector Público, onde as empresas interesadas poden consultar os documentos de contratación, o proxecto íntegro e os planos e memorias técnicas

Verín, 20 de agosto de 2024. – O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, asistiu hoxe á posta en marcha das instalacións provisionais que ocupará a Garda Civil de Verín mentres duren as obras de construción do seu novo cuartel. Trátase dun espazo sito na antiga Praza de Abastos do municipio, cedido de xeito gratuíto polo Concello de Verín, o cal investiu ao redor de 20.000 euros para acondicionar o local ás necesidades deste uso temporal.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Durante o acto, o subdelegado do Goberno informou dos avances do proxecto de construción do novo cuartel de Verín, a cargo do Ministerio do Interior e que conta cun orzamento base de 6.310.604,58 € (IVE incluído). Precisamente, o pasado 12 de agosto,a Secretaría de Estado de Seguridade do Ministerio abriu o procedemento de licitación coa súa publicación na Plataforma de Contratación do Sector Público, onde as empresas interesadas poden consultar os documentos de contratación, o proxecto íntegro e os planos e memorias técnicas. O prazo para a presentación de ofertas remata o 5 de setembro ás 10 horas.

Eladio Santos fixo fincapé na importancia desta obra, xa que a Compañía de Verín, que conta con 95 traballadores, presta servizo aos concellos da Gudiña, Riós, Vilardevós, Verín, Oímbra, Monterrei, Cualedro, Trasmiras, Laza, Castrelo do Val e Vilar de Barrio, os cales suman un total de 24.775 habitantes. “Esta inversión do Ministerio do Interior con fondos do Goberno de España ten como obxectivo mellorar a eficacia e o servizo que presta a Garda Civil en áreas rurais. A renovación das súas instalacións e recursos permite optimizar o traballo dos axentes e investir na seguridade dos cidadáns”, afirmou.

Ademais, o subdelegado explicou que o actual cuartel de Verín ocupa un espazo de cerca de 5.000 m2 de superficie construída no ano 1970 e este destacado investimento estatal posibilitará que a Compañía de Verín conte así cunhas instalacións totalmente novas, xa que se renovará integramente o bloque I para albergar 21 vivendas e se demolerán os tres bloques restantes. Estes tres bloques serán substituídos por un único edificio de tres plantas e soto, onde se emprazarán todas as unidades da Compañía (excepto o Destacamento de Tráfico). Finalmente, acondicionarase o exterior e os xardíns.

A obra desenvolverase en dúas fases. A primeira será a renovación integral do bloque I, no que se sitúan as vivendas, que contará cun novo illamento exterior, tanto das paredes como da cuberta, así como as fiestras. Tamén se instalará unha iluminación máis eficiente. Por último, prevese a instalación de paneis solares para o abastecemento de enerxía.

A segunda fase conlevará a demolición dos bloques II a V e construción do novo edificio de dependencias oficiais e urbanización.

Durante a presentación das instalacións provisionais, o subdelegado do Goberno estivo acompañado polo alcalde de Verín, Gerardo Seoane, e parte da corporación municipal; así como por outros rexedores da comarca, deputados provinciais e autonómicos; o tenente coronel xefe da Comandancia de Ourense, Rafael Berguillo; os comandantes José Benito Fernández Santamarina e Rodrigo García de la Rosa, e outros membros da Garda Civil.