O Museo da Limia acollía este sábado, 24 de agosto, a presenza de dous importantes creadores limiaos, Paco López Barxas e Bieito Ledo Cabido, que se achegaron a Vilar de Santos para visitaren o museo e faceren entrega de algunhas das súas obras á sección Biblioteca da Limia, nun acto simbólico de filiación ao catálogo de autores do territorio. A Xunta Directiva do museo ten en alta estima a súa xenerosidade e a súa atención.
Paco López Barxas, nado Francisco López Rodríguez (Ponte Barxas, Padrenda, 1952), con raíces familiares nas terras de Trasmiras, é xornalista, escritor e crítico literario. Profesor de Lingua e Literatura Española e director de revistas literarias durante a súa estadía en Madrid. De volta a Galicia, traballa como editor na TVG e ocupa postos de responsabilidade na Consellaría de Cultura. Autor de máis dunha vintena de libros, de ensaio literario ou artístico e de ficción ( Palabra de autor, palabra de autora, 2005; A historia de Ramón, 2019; Os secretos do bosque de Ben-Cho-Shey, 2024).
Bieito Ledo Cabido (Padroso, Xunqueira de Ambía, 1944), é editor e escritor. En 1975 instálase en Vigo onde abre a Libraría Ir Indo. Logo, incorpórase a Galaxia como director-xerente. No concello vigués ten responsabidades nos ámbitos da Cultura e da Educación. En 1985 funda a editora Ir Indo Edicións, con proxectos de altura como a Enciclopedia Galega Universal ( EGU, 1999), o Diccionario Enciclopédico Galego Universal (DEGU, 2003) e o Diccionario Biográfico de Galicia (2010-2011). Creador dos Premios da Crítica Galicia e membro de diversas asociación e fundacións, é tamén autor de varios libros de narrativa.