O Premio Internacional Afundación de Periodismo Julio Camba recibe 241 candidaturas de 18 países

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

I Na edición máis internacional da historia do galardón, o 33 % dos textos que examinará o xurado proceden de xornalistas de América do Norte, Centroamérica, América do Sur e resto de Europa

I O premio será resolto e entregado en Madrid o vindeiro mes de xaneiro

11.09.2024. Os artigos presentados por 241 xornalistas converten a cuadraxésima quinta edición do Premio Internacional Afundación de Periodismo Julio Camba na máis disputada da súa historia. Na anterior foran 134 os participantes, o que representa un incremento do 80 %. O galardón, que se entrega desde o ano 1980 e é un dos máis importantes de España, por dotación e traxectoria, avanza tamén na súa repercusión internacional: un 33 % dos textos proceden doutros países.

O xurado do premio, cuxa composición será dada a coñecer nas próximas semanas e que estará integrado por representantes do xornalismo e das letras de España e América Latina, deberá valorar artigos publicados en medios de comunicación de América do Norte, Centroamérica, América do Sur e Europa. Os países dos que proceden máis candidaturas son España (164), Arxentina (17), Colombia (11), México (11), Ecuador (9), Venezuela (6) e Estados Unidos (4).

Con case 50 anos de historia, o Premio Internacional Afundación de Periodismo Julio Camba é un dos galardóns da súa categoría, xornalismo literario e de opinión, máis importantes en lingua española. Co obxectivo de avanzar na súa proxección internacional, Afundación traballa desde a anterior convocatoria para promover a participación no certame de articulistas de diferentes territorios de América e Europa. Na edición do galardón do pasado ano, o xurado recibira artigos de 5 países diferentes a España. Este ano, as candidaturas proceden de 18 países.

O premio resolverase e entregarase en Madrid no mes de xaneiro de 2025. O autor ou autora do artigo premiado nesta nova edición sumarase a unha relación histórica de galardoados na que se inclúen algunhas das mellores sinaturas do xornalismo español do último medio século. Tan só desde o ano 2000, foron recoñecidos co Premio Internacional Afundación de Periodismo Julio Camba columnistas como Ángeles Caso, Manuel Rivas, Fernando Savater, Ricardo Fernández Colmenero, Cristina Sánchez Andrade, Ignacio Camacho, Bibiana Candia ou Felipe Benítez Reyes. A edición máis recente, a cuadraxésima cuarta, gañouna María Sánchez por un artigo publicado no xornal La Vanguardia.

JULIO CAMBA

Julio Camba (Vilanova de Arousa, 1884 – Madrid, 1962) pertence á estirpe dos grandes escritores que desenvolveron boa parte da súa actividade nos xornais, do mesmo xeito que Wenceslao Fernández Flórez, Josep Pla, Azorín, Álvaro Cunqueiro, Max Aub ou Corpus Barga. Personaxe de biografía viaxeira, correspondente en distintos países, autor de espírito libre e talante liberal, a súa obra foi recollida en diversos volumes e é estudada tanto nas facultades de Literatura como de Xornalismo. Entre os seus títulos máis coñecidos destacan Haciendo la República (1934), Aventuras de una peseta (1942), La ciudad automática (1942), Alemania, impresiones de un español (1947), La rana viajera (1947), Un año en el otro mundo (1959), o La casa de Lúculo o el arte de comer (1961). A súa obra caracterízase pola imaxinación e o humor, a capacidade de observación e un espírito crítico, literario, que captura ao lector con intelixencia e extraordinaria eficacia, valores que se procuran mediante a convocatoria deste premio.