Villarino propón que “lle dean voz a todos os alcaldes e alcaldesas para facer proxectos propios para acceder aos fondos europeos”

O PSDEG-PSOE DENUNCIA QUE BALTAR VETA A PARTICIPACIÓN DOS CONCELLOS DE OURENSE NO ACCESO AOS FONDOS EUROPEOS DE RECUPERACIÓN QUE “QUERE INCAUTAR PARA CACIQUEAR”

Villarino propuxo que “lle dean voz a todos os alcaldes e alcaldesas para facer proxectos propios” porque “o contrario sería incautarse dos fondos NextGenerationEU para caciquear”

AVANTAR ACTIVIDADES

Elvira Lama defendeu outra moción para reclamar unha reforma da Lei de Saúde de Galicia que os socialistas consideran inconstitucional por ser un “ataque frontal contra as liberdades públicas”

O PSdeG-PSOE de Ourense denuncia que Manuel Baltar e a deputada tránsfuga non adscrita, Montse Lama, vetan a participación dos concellos no acceso aos fondos europeos de recuperación que a Deputación “quere incautar”. Os socialistas defenderon hoxe unha moción na que reclamaban a creación dun grupo de traballo con alcaldes, alcaldesas ou representantes designados por todos os municipios e pola Entidade Local Menor de Berán, co fin de establecer un sistema para trasladar iniciativas e proxectos susceptibles de ser financiadas con instrumento NextGenerationEU. Mais os conservadores, nun novo “alarde antidemocrático”, votaron en contra.

O voceiro, Rafa Villarino, explicou que “esta administración é un lugar opaco no que fan todo ao seu antollo”, polo que pediu “por favor” que “non toquen os fondos europeos porque xa sabemos a que concellos irán destinados os cartos en detrimento doutros”. “Propoñemos que se lle dea voz a todos os alcaldes e alcaldesas para facer proxectos propios”, insistiu.

“Na Deputación de Ourense atopamos un operativo multidisciplinar pero non transversal, pois unicamente están representados cargos do PP e, ademais, está capitaneado por unha persoa que xa fracasou en traer fondos europeos”, aseverou o voceiro antes de recordar que “o artífice do fallido proxecto sobre os fondos Edusi, Jorge Pumar, déixanos abraiados porque vén dar leccións, o que resulta paradoxal”. “Algún día explicará as causas de que eses fondos non viñeron para Ourense”, advertiu.

“Non pode ser que o presidente capitalice os cartos, incautando e repartindo de modo discrecional e caciquil”, denunciou Villarino antes de destacar que a Deputación “debe xogar o papel de facilitador” e de “auxilio aos municipios”, para “darlle unha saída a esta provincia grazas aos proxectos”. Villarino finalizou pedindo á corporación provincial que “non dea as costas aos alcaldes e alcaldesas, xa que hai moitos moi competentes que teñen ganas de traballar” para “avanzar e mirar cara o futuro”.

Lei de Saúde inconstitucional

Os socialistas tamén defenderon unha modificación da Lei de Saúde de Galicia, trala reforma aprobada polo Partido Popular de Galicia con motivo da pandemia da Covid-19 e que, a criterio dos expertos e técnicos consultados, contén disposicións “manifestamente inconstitucionais” que “instala un estado de alarma permanente” e que ten “trazas autoritarias”. De feito, o Goberno central xa acordou solicitar ao Consello de Estado un ditame –que deberá emitir nas próximas semanas– sobre a inconstitucionalidade desta norma.

A iniciativa vetada só polo PP e pola deputada tránsfuga, Montse Lama, reclamaba iniciar unha reforma “en consenso con todas as forzas políticas, axentes sociais, sociedades científicas, representantes das administracións locais e do ámbito xurídico galego”. Esta reforma estaría “orientada a mellorar aspectos que poidan contribuír a optimizar o sistema legal de protección da saúde pública”, pero “sen implantar medidas restritivas de liberdades e dereitos fundamentais e baseándose en valoracións sanitarias”.

A vicevoceira, Elvira Lama, manifestou que esta lei “supón un ataque frontal contra as liberdades públicas” por razóns de “forma e fondo”, posto que “esta normativa foi proposta polo PP, non polo goberno da Xunta, o que eximiu á norma da emisión de informes importantes durante a tramitación”, o que “evidencia as dúbidas dos propios populares sobre a súa legalidade”. “Non debemos de permitir que a dereita aproveite a pandemia para recortar liberdades”, resaltou a deputada antes de denunciar que “estamos ante o paradoxo de que o mesmo Feijóo que non quería un estado de alarma durante a pandemia, quere agora un estado de alarma permanente no seu territorio”.

“Estamos ante un ataque moi relevante contra as nosas liberdades” xa que a Xunta de Galicia impón un “réxime sancionador autoritario camuflado tras unha lei de saúde”, insisten os socialistas de Ourense. Lama tamén dixo que esta lei “adoece de fundamentos de constitucionalidades” e recordou que “a propia secretaría de Igualdade da Xunta emitiu un informe en contra”.

Desde o PSdeG-PSOE explican que esta Lei de Saúde introduce restricións aos dereitos fundamentais que, segundo o artigo 81 da Constitución, están reservadas a súa regulación mediante lei orgánica e, polo tanto, só poden ser ditadas polo Estado. Tamén pode vulnerar o artigo 116 da Constitución que regula os estados excepcionais, e afecta á reserva de lei orgánica en materia sanitaria, un rango normativo ao que non teñen acceso as autonomías.