Iago Tabarés “transcorridos varios anos dende que o propio concello de Cartelle e a Xunta e Galiza recoñeceron o estado de abandono da Torre de Sande e admitiron a necesidade de actuar non consta actuación algunha e continúa o proceso de degradación do monumento de declarado valor histórico, patrimonial e turístico”
Manolo Ferro ” Xa non hai escusas para seguir enredando nesta cerimonia de distracción e confusión a que nos ten acostumados o Partido Popular”
Cartelle, 17 de setembro de 2024. Iago Tabarés, deputado do BNG no Parlamento de Galiza e Manolo Ferro, concelleiro do BNG de Cartelle voltaron a demandar publicamente a intervención das institucións para a conservación e posta en valor da denominada Torre de Sande no concello de Cartelle, tras rexistrar no Parlamento de Galiza unha Proposición Non de Lei para conservación e posta en valor da Torre.
Por segunda vez o BNG demandou desde a propia torre de Sande un plan para a recuperación deste monumento, sendo a primeira vez no ano 2020 e desde aquela até hoxe as nacionalistas non pararon de demandar medidas e presentar iniciativas, tanto no concello de Cartelle como no Parlamento de Galiza a través dos concelleiros e deputados da organización frentista, sinalaba Manolo Ferro desde as inmediacións da torre.
O Deputado Iago Tabarés trasladouse ás inmediacións do monumento, acompañado do voceiro do BNG de Cartelle e militantes do BNG onde puido constatar insitu o deplorable estado de conservación e con ameaza de derrube, ante a inacción das administracións. “E isto a pesar de ter sido declarada monumento de Interese Artístico Nacional, Ben de Interese Nacional e de gozar da “”protección” da Declaración xenérica do Decreto de 22 de abril de 1949 e da Lei 16/85, de 25 de xuño, de Patrimonio Histórico Español” afirmaba o deputado nacionalista.
Desde o BNG, sinalou Tabarés, levamos anos advertindo da posibilidade de que a estrutura esté comprometida e con perigo para os visitantes, pois como se poden comprobar a simple vista existen varias fendas nun dos muros. “Transcorridos varios anos dende que o propio concello de Cartelle e a Xunta e Galiza recoñeceron o estado de abandono da Torre e admitiron a necesidade de actuar non consta actuación algunha e continúa o proceso de degradación do monumento de declarado valor histórico, patrimonial e turístico” di Tabarés á vez que indicou que a pesar das demandas veciñais, colectivos sociais, grupo municipal do BNG de Cartelle e o grupo Parlamentar para que a entidade local e a Xunta para levar a cabo actuacións para súa conservación, encontrámonos sempre coa negativa da Xunta coa desculpa da titularidade privada do inmoble.
Pola súa banda, Manolo Ferro, lembrou que xa no ano 2009 a Conselleira de Cultura tiña un proxecto de recuperación da Torre de Sande que caeu no esquecemento tras a chegada do PP á Xunta de Galiza.
O voceiro municipal do BNG de Cartelle lembrou que o concello de Cartelle forma parte do programa turístico “Xeodestino Terra de Celanova-Serra do Xurés” onde a Torre de Sande é mencionada como unha das poucas fortificacións que quedan en pé do Xeodestino turístico e é susceptible supoñer un reclamo turístico, que xunto coa recuperación dalgúns castros catalogados como do Santo, ao lado do río Arnoia ou o Castro de Pareda poden contribuír a por o concello de no mapa de concellos de interese turístico e ser un instrumento para o preciso desenvolvemento económico e social da zona.