Espazo Común demanda do alcalde que aclare a súa posición sobre o Centro de Saúde

IES CHAMOSO LAMAS

FUMEGA VOLTA A FACER O AVESTRUZ PARA NON ACLARAR A SÚA POSICIÓN SOBRE A UBICACIÓN DO CENTRO DE SAÚDE.

Unha semana despois de que os medios informaran da intención da Xunta de ubicalo na parcela da Estación de Autobuses, o alcalde segue desaparecido.

HIPER MASIDE

Dende Espazo Común demandamos unha comparecencia pública e que resposte a unha serie de preguntas fundamentais e que se fan moitos veciños.

Resulta lamentable esta actitude ante unha das decisión máis importantes para o presente e o futuro do Carballiño.

Hai hoxe xusto unha semana que os cidadáns do Carballiño soubemos, iso sí, a través dos medios de comunicación, que a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, ten tomada a decisión de construir o futuro Centro de Saúde na parcela que ocupa a actual Estación de Autobuses.

Resulta absolutamente degradante para unha vila que pasa por ser a primeira da provincia que teñamos que enterarnos dunha nova de semellante importancia deste xeito, incluso os compoñentes da corporación e os que formamos parte dunha suposta Comisión creada para este fin a instancias de Espazo Común hai xa máis de dous anos.

Pero cecais aínda é peor que transcorridos sete días, ninguén teña a máis mínima idea da opinión do alcalde ao respecto.

Cónstanos que foi requerido por varios medios para saber do seu posicionamento pero toca sufrir de novo ao alcalde-avestruz, o que cando algo non lle interesa, corre a agachar a cabeza nun burato e agarda a que pase a tormenta.

Por iso, dende Espazo Común pedimos ao alcalde que faga unha comparecencia pública dunha vez e resposte á veciñanza a unha serie de preguntas básicas:

-A  decisión de ubicar o Centro de Saúde no solar da Estación de Autobuses xa é oficial e firme?

-Existe constancia documental no Concello do Carballiño deste acordo?

-Cantas opcións se remitiron á Concellería de Sanidade e cales foron os criterios que xustifican esta escolla?

-Segue Fumega a opinar o mesmo que hai tan só uns meses cando dicía nuha entrevista que a posibilidade da Estación de Autobuses era moi mala pois “os metros non dan, é unha rúa que xa está saturada e non hai aparcamento. A Xunta prefire un terreo limpo para facer o edificio e a opción dos técnicos é no entorno do actual”?

-Se mudou de opinión debería explicar os motivos ou se, pola contra, vai posibilitar que a Xunta constrúa o Centro de Saúde nunha ubicación que o alcalde considera nefasta, como o xustifica, cal é o seu papel en todo isto?

Dende logo, a actitude de agocharse, non semella a mellor forma de defender os intereses dun pobo, sobre todo cando estamos a falar dunha das infraestruturas máis importantes para os vindeiros 30 ou 40 anos para O Carballiño.

A desidia e os enredos constantes do goberno municipal fixeron que o debate e a decisión lle foran furtados á cidadanía desta vila que ten que ver como son persoas alleas quen dende Santiago deciden por nós polo que urxen as explicacións.