Nada cambia co pacto PP-PSOE e os veciños interesados en participar nas actividades culturarais e deportivas terán que agardar.
Namentres, as entidades de carácter social e privadas xa levan semanas coa súa programación e as inscricións.
O Carballiño, 24 de setembro de 2024.
O goberno do Carballiño volta a defraudar un ano máis nas súas tarefas máis sinxelas e volta a deixar no aire, xa con setembro case rematado, a todos aqueles que desexan participar nas actividades municipais de tipo cultural e deportivo.
Esta é a época do ano por excelencia na que as familias programan o inverno e deciden cales van ser as súas opcións para o novo curso.
Os nenos comezan as clases e con iso a necesidade imperiosa de organizar horarios e decidir sobre extraescolares e actividades do resto dos convivintes.
Case tódalas asociacións, particulares, clubes, concellos da contorna e demáis que se adican a este cometido xa comezaron a súa actividade ao longo deste mes.
Pero seguindo na súa desastrosa liña, o Concello do Carballiño aínda nin tan siquera anunciou a meirande parte das súas propostas, nin a ubicación, nin os prazos de inscrición, nin as datas nas que terán lugar.
Así pois, entidades que organizan actividades semellantes viron en días pasados como se formaban colas dende as 6 da mañá para anotarse. Tristemente, a veciñanza xa non agarda por un Concello que xa hai anos que é incapaz de aclarar nada antes do mes de outubro.
A incorporación dos concelleiros do PP como palmeiros de Fumega non trouxo máis ca moito máis do mesmo.