As e os emigrantes retornados de Alemaña, obrigados a facer declaración da renda no país xermano e que elixiron acollerse á responsabilidade tributaria ilimitada “non poderán acollerse ao beneficio fiscal de estar exentos se non pasan dos 11.784 euros anuais dos seus ingresos totais en España”
Luís Gulín explica que “cunha responsabilidade fiscal ilimitada, pódense conceder desgravacións fiscais persoais e familiares, incluída a desgravación fiscal básica; coma se fose residente en Alemaña”
Ourense, 24 de setembro de 2024. A área de migracións do PSdeG-PSOE de Ourense informa de que Alemaña vén de comunicar a baixada do límite para a declaración da renda a aqueles retornados e retornadas que opten pola responsabilidade ilimitada ou persoal.
Dende a secretaría provincial de migracións informan que as e os emigrantes retornados de Alemaña, obrigados a facer declaración da renda no país xermano (o chamado imposto do 5 por cento) e que elixiron acollerse á responsabilidade tributaria ilimitada (coñecida tamén como persoal) “non poderán acollerse ao beneficio fiscal de estar exentos se non pasan dos 11.784 euros anuais dos seus ingresos totais en España”. Este beneficio fiscal aplicarase só aos acóllense á responsabilidade limitada (coñecida como obrigación real).
O secretario provincial de migracións, Luís Gulín Iglesias, explica que “cunha responsabilidade fiscal ilimitada, pódense conceder desgravacións fiscais persoais e familiares, incluída a desgravación fiscal básica; coma se fose residente en Alemaña” e apunta que “polo xeral, o trato como contribuínte con responsabilidade ilimitada conduce a impostos máis baixos”. Neste senso, tamén destaca que “o requisito previo para a solicitude é que os ingresos procedan enteira ou polo menos predominantemente de Alemaña e estean suxeitos a impostos no país xermano”. Gulín subliña asemade que “é necesario acreditar o importe dos ingresos non suxeitos ao imposto sobre a renda alemán mediante un certificado da Axencia Tributaria española”.
Para o ano fiscal 2024 establécese agora que os suxeitos a responsabilidade ilimitada o límite exento para declarar quedará en 8.703 euros anuais (declaración individual) e 17.406 € na conxunta, mentres os que optaron realizar a declaración por responsabilidade limitada quedará nos 11.784 euros na individual e 23.568 € na declaración conxunta.
Os gastos especiais (cotizacións ao seguro médico e de dependencia alemán, coñecido como Krankenkasse) e as cargas extraordinarias (gastos médicos, subsidios por invalidez e gastos por relacións laborais ou servizos relacionados co fogar) pódense reclamar como dedución fiscal na declaración ilimitada ou persoal. Tamén se teñen en conta as reducións de impostos para os fillos e a dedución dos gastos de manutención dos familiares.