O Carballiño, 26 de setembro de 2024.- O Centro de Estudios Chamoso Lamas presenta este venres, 27 de setembro, a obra “A memoria recuperada”, que contén vinte traballos de investigación de dezasete autores que se corresponden con outras tantas comunicacións e ponencias dos dous últimos congresos deste colectivo cultural carballiñés.
Son traballos de arqueoloxía, historia, etnografía, arquitectura, urbanismo, literatura e clima, entre outras materias, sobre aspectos relevantes do Patrimonio cultural das comarcas do Carballiño e O Ribeiro.
Estes estudos e ensaios foron realizados individualmente ou de xeito colectivo por Jorge Lamas Bértolo, Xosé Lois Sobrado, José Ramón Estévez, Xosé Fernández Fernández, Juan Ignacio García, Óscar Gónfer, Diego Reboredo, Mª Encarna de la Fuente, Miguel García, Adolfo Otero Loureiro, Rafael Castillo Gómez, Carlos Rodríguez Calvo, Anitza Calzadilla, Juan José Docampo, Eladio Munín Barreiro, Alicia González Barreiro e Valentín Verea Argibay, todos integrantes e colaboradores do Centro de Estudios Chamoso Lamas.
Trátase dunha publicación de máis de 300 páxinas que ven a incrementar as edicións de obras impresas promovidas polo Centro de Estudios Chamoso Lamas e que supoñen xa unha vintena con máis de 300 traballos.
O acto terá lugar este venres no salón de actos do Concello do Carballiño, que subvencionou a edición do libro, e a asistencia é libre e aberta a todo o público interesado.