O BNG aboga pola pronta execución do Plan funcional da Praza de Abastos nº 1 de Ourense

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Desde o Grupo municipal nacionalista consideran urxente acometer as reformas necesarias no edificio recentemente rehabilitado e contidas no Plan funcional para que o mesmo poida entrar en funcionamento á maior brevidade posible e poder recuperar, deste xeito, parte da Alameda ocupada actualmente

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Ourense, 27 de setembro de 2024. Na Xunta de Portavoces celebrada esta mañá no Concello de Ourense e na que o único punto da orde do día era abordar a situación da Praza de Abastos nº 1 logo da rehabilitación do edificio, o Portavoz do Grupo municipal do BNG Luís Seara, sinalou que “o desexo do BNG e penso que o do conxunto da sociedade de Ourense, praceiros e praceiras incluídas, é que o traslado á nova Praza rehabilitada se faga á maior brevidade para liberar de vez e recuperar un espazo tan senlleiro como o da Alameda. Para nós esa é a prioridade”.

No BNG lembran que a execución do proxecto de rehabilitación da Praza xerou múltiples deficiencias, non resoltas e que afectan á funcionalidade da mesma. Neste senso, segundo argumenta Luís Seara, “o Plan funcional redactado pola arquitecta Paula Feijoo resolve, cun gasto relativamente pequeno, as demandas das praceiras e praceiros para que o seu traslado poida facerse nas mellores condicións posibles”.

Desde a formación nacionalista fan mención a algúns dos aspectos máis relevantes do proxecto que finalmente non se chegaron a executar como é “a conexión da Praza coa zona histórica mediante unha pasarela que una a Praza e a rúa do Progreso xa que estamos convencidos que esta actuación sería moi beneficiosa”, e engade, “malia todo, este non é para nós e coidamos que para as praceiras e praceiros tampouco, unha razón suficiente para que o traslado non se faga”.

Non ao rescate da concesión.

O Portavoz nacionalista referencia que “un dos sinais de identidade do BNG é a aposta polo comercio local e de proximidade. Neste sentido, a explotación da Praza de Abastos nº 1 resposta ao modelo que nós defendemos. Un modelo de economía social, de produto de proximidade e que xera dinamismo social e económico”.

E é que actualmente no edificio provisional hai 43 familias, cifra que ascende ás 75 se temos en conta o Rianxo e que ocupa a preto de 200 traballadores e traballadoras. “Hai moi poucas empresas en Ourense que xeren esa cantidade de postos de traballo, polo tanto, a Praza non soamente crea riqueza senón que ademais xera emprego”.

No BNG deixaron claro que, “por todo o anterior, non avalamos a proposta de rescatar a concesión feita polo Alcalde xa que, ademais, podería acabar provocando demandas xudiciais e en consecuencia, a ocupación da Alameda durante moito máis tempo até que as mesmas se resolvan”.