“Non podemos continuar permitindo que a nosa cidade quede atrasada en oferta cultural. É o momento de liderar e recuperar o noso lugar”, defende a edil do PSdeG Alba Iglesias sobre a moción que presentarán no pleno ordinario deste mes
“Propoñemos tamén un enfoque no eido educativo do museo a través da elaboración e posta en marcha de programas dirixidos a estudantes de diversos ciclos”, recolle a iniciativa
Ourense, 1 de outubro de 2024. O grupo municipal socialista presentará, no vindeiro pleno ordinario de outubro unha moción para a reapertura da sede do Museo Municipal de Ourense, situada na rúa Lepanto. “Non podemos continuar permitindo que a nosa cidade quede atrasada en oferta cultural. É o momento de liderar e recuperar o noso lugar”, defende a edil do PSdeG Alba Iglesias sobre o texto rexistrado.
Así mesmo, engaden que funcionaría como un atractivo, a maiores, a inclusión dunha exposición permanente sobre a historia da urbe, e a súa comarca, fomentando a difusión da herdanza histórica aos ourensáns e ourensás e aos e ás visitantes. “Manter pechado este edificio emblemático priva á cidade dun referente e dun espazo vital para a nosa identidade. O Museo Municipal albergou mostras que conectaban a cidadanía co seu patrimonio e ofrecían ao turismo unha ventá á nosa orixe”, lembran as e os concelleiros.
Ademais da reapertura das instalacións que levan xa 3 anos pechadas, as e os socialistas propoñen a posibilidade de que o proceso de reactivación vaia máis aló e que o Concello poida adquirir o edificio da “Casa das Cadeas”, situado ao carón do actual museo, o que suporía unha remodelación e a ampliación do espazo expositivo.
“Trátase dun edificio clave para a nosa cultura pechado desde 2021 e dende o grupo municipal socialista queremos que isto cambie, por iso propoñemos a súa reapertura, na rúa Lepanto, cunha mostra permanente que conte a historia da nosa cidade, desde a súa orixe ata a actualidade”, explica sobre a iniciativa.
Para garantir a calidade e o atractivo das exposicións, as e os edís do grupo entenden relevante a colaboración permanente con historiadores, arqueólogos e expertos en museografía, que participen no deseño dos contidos –combinando rigorosidade académica con elementos interactivos e multimedia para ofrecer tamén entre as súas paredes unha experiencia educativa innovadora e accesible para tódolos públicos–.
“Propoñemos tamén un enfoque no eido educativo do museo a través da elaboración e posta en marcha de programas dirixidos a estudantes de diversos ciclos. Ditos programas incluirían visitas guiadas, talleres e actividades prácticas que permitan aos participantes coñecer a historia local, situala nun contexto máis amplo e comprender a importancia da conservación do patrimonio”, explica a iniciativa para a que agardan obter o respaldo do resto da oposición.
“É o momento de recuperar o noso patrimonio, a nosa historia. Pero este museo non só debe ser un lugar para lembrar o pasado, senón tamén un investimento no futuro de Ourense”, remata a socialista.
Enviamos enlace ao audio con declaracións da edil do PSdeG no Concello de Ourense Alba Iglesias:
https://drive.google.com/file/d/1gkbcHvYpKC57m_KB9CmSlM5P8B4aD5bQ/view?usp=sharing