________________________________________________
A 17ª Mostra de Teatro Amador ‘Terras do Orcellón’, que organiza o colectivo Tituleque celébrase dende mañá no Carballiño ata o 20 de outubro e do 1 ao 17 de novembro con sede no Auditorio Manuel María e cun horario estable das funcións ás 8 da tarde.
Será o grupo teatral La Caja de Pandora, de Verín, o que inaugure mañá este festival coa obra “Yallah!Yallah!”, de 75 minutos de duración e que conta a historia de dous primos hippies que conviven cun policía no piso dun barrio de Madrid nos anos 80.
Un total de nove obras foron seleccionadas pola organización para participar na mostra, que patrocinan o Concello carballiñés e a Deputación provincial de Ourense.
No evento participan, ademais, Namarella Teatro, premiada na pasada edición, con “Un mal día”, xunto coas obras “Soño dunha noite de verán”, da Aula de Teatro da Universidade de Vigo; “Veredicto” de Cambre Theatro; “Deus non quere calderilla”, de The Sastre; “O traballo de Andrea”, de Ollomao; “Entrañas negras”, de Disfunción Continua; “Sombras de noite” de Chumpá Teatro, e “Refacho”, de Ateaco.