Este sábado nun solemne acto celebrado na Adega do Pazo dos Ulloa en Esposende-Ribadavia entregáronse os premios Bacelos de Prata 2024, que con grande satisfacción foron recibidos por empresas que utilizan o galego no etiquetado dos seus produtos: os iogures, leite e quefir KALEKOI das terras de Rodeiro e Lalín, e os viños PAZO LALÓN e EDUARDO BRAVO do Ribeiro.
Na súa intervención o Presidente da Asociación Álvaro das Casas, Avelino Muleiro fixo unha defensa firme da lingua e cultura galega, o territorio e o medio ambente.

DISCURSO INTEGRO DE AVELINO MULEIRO:
Ilustres autoridades.
Amigas e amigos.
Comezarei por expresar os parabéns aos propietarios da adega Pazo Lalón, que levan décadas elaborando uns excelentes viños etiquetados coas marcas Lalón e Eduardo Bravo, e felicitacións á empresa Kalekoi, creadora de produtos lácteos, de gran calidade, fabricados con leite dunhas vacas alimentadas libremente en terras da propia familia. Ambos galardoados representan o perfil de empresarios que apostan sen complexos polo ideal dunha Galicia moderna, competitiva e de progreso. Esa é a Galicia da que nos podemos gabar fronte ao mundo e na que queremos vivir. As dúas entidades premiadas, como tantas outras empresas galegas, deben enfrontarse cada día aos retos e á rivalidade competitiva da globalización. A globalización foi un novo paradigma emerxido a finais do século XX, impulsor dunha bulimia consumista nunca satisfeita, pero que creou un descontento crecente debido á percepción de que non beneficiou equitativamente a todas as capas da sociedade, alimentando así movementos anti-establishment e anti-globalización en varias democracias avanzadas.
Con todo, a realidade imponnos mergullarnos nela a pesar de que a estas dúas empresas lles presente, probablemente, enormes desafíos mercantís e lles xere atrancos burocráticos. Non obstante, estou absolutamente convencido de que os seus directivos serán capaces de albiscar o futuro e de outealo cos ollos do enxeño. Co descaro da imaxinación e da ilusión, e co poderío invencible da intelixencia sairán vencedores nesa severa competición empresarial. Xa demostraron a súa habilidade para converter a ilusión duns proxectos en excelente e beneficiosa realidade. Xogan, ademáis, coa vantaxe de que os produtos que comercializan, como o viño, o queixo e o mel, son coñecidos en todo o mundo pola súa alta calidade. Estando tan profundamente arraigados na nosa tradición e na nosa cultura teñen a vantaxe de colocalos facilmente non só nos mercados galegos e españois, senón tamén de exportalos a outros países.
As empresas premiadas decatáronse, de forma intelixente, de etiquetar os seus produtos en galego, unha estratexia publicitaria que trascende a estética mercantil ao acrecentar e reforzar a cultura e a historia de Galicia. A lingua é un elemento esencial na construción dunha identidade nacional. Compartir un idioma común facilita a comunicación, promove a cohesión social e facilita o entendemento mutuo entre os habitantes dun país. Ademáis, a lingua soe ser un símbolo de unidade e pode ser utilizada como ferramenta para promover a integración e o sentido de pertenza. A lingua é o vehículo principal a través do que se transmiten os costumes, se consolidan as crenzas e se crean valores na sociedade. A través da lingua, as persoas comparten historias, incitan literatura, crean música e outras formas de expresión cultural que definen a súa identidade colectiva. As linguas inflúen, sobre todo, na forma en que as persoas perciben o mundo, xa que cada unha ten as súas propias estruturas e matices que poden afectar ao pensamento e á maneira de interpretar a realidade. Non obstante, a lingua nunca debe ser orixe de enfrontamentos nin de combates ideolóxicos. Nunca debería ser unha imposición, senón unha invitación afable e cordial. Esa estratexia habería que utilizala coa xuventude galega, que a pesar do seu estatus educativo oficial, se observa un descenso no seu uso, o que plantea retos para o seu futuro como lingua viva.
Como demócratas que somos, as galegas e galegos defendemos un ideal de liberdade, que sempre vai unido a un fin ético e moral, a un fin ao que se accede a través da razón e, sobre todo, da tradición, dese conxunto de crenzas que resumen as experiencias máis profundas dun grupo. A identidade constrúese na historia e a través da experiencia da vida social, porque cada palabra ten un significado, e cada significado ten vida de seu.
Con todo, a liberdade debe ser unha actitude activa, dinámica e progresiva. Debe ser o motor que procura crear as condicións adecuadas para unha vida digna e gozar desa vida o mellor posible. Así, ese ideal de liberdade permítenos defender os nosos propios intereses e loitar contra quen nolos intente arrebatar. Entre eses intereses colectivos está o dereito a celebrar as nosas tradicións, a reivindicar a nosa lingua, a defender o noso territorio, a esixir o respecto moral do medio ambiente e os dereitos éticos do noso ecosistema. Sabemos que actualmente hai varias frontes abertas en Galicia que afectan directamente ao medio ambiente e ao ecosistema, orixinando un profundo debate político e social que con frecuencia se cristaliza e deriva en conflitos ideolóxicos e en batallas cidadás.
Non podemos permitir, por imperativo ético, que en Galicia se derruben ermidas e igrexas para sobre as súas ruínas levantar sinagogas ou mesquitas, porque tal despropósito atentaría contra a nosa cultura e derivaría nun antagonismo cos nosos sinais identitarios. Así mesmo, non debemos consentir que se devasten carballeiras e viñedos para inzar agros e veigas de eucaliptos e mimosas porque ese desatino alteraría de forma letal o ecosistema territorial modificando substancialmente a comunidade biótica. Temos que esixir, pois, o respecto ás nosas tradicións e o compromiso de acatar os criterios científicos e as normas consuetudinarias no tocante aos ecosistemas para que a convivencia non se deteriore, senón favoreza unha integración harmónica de cultura e hábitat.
Galicia ten a obriga, xa que logo, de esixir que se acaten os seus dereitos no tocante ao territorio e ao medio ambiente. Estes dereitos deben prevalecer aos económicos, aos políticos e aos ideolóxicos, porque se vinculan coa vida e inflúen na saúde humana. Pero, como di Noam Chomsky, os dereitos non se conceden, conquístanse. A resistencia e oposición a calquera proxecto prexudicial para a saúde é simplemente un deber ético. Por iso, todo proxecto innovador que se pretenda implantar en Galicia debe ser recibido con ilusión, aceptado con sosego e mesmo implicar a colaboración cidadá dadas as vantaxes económicas que aporta á sociedade. En cambio, calquera plan ou esbozo innovador que atente contra as condicións naturais medioambientais dun territorio, hai que intentar por todos os medios que acabe nun intento frustrado. Explotacións industriais relacionadas co ecosistema, como son a minería, a incineración de residuos, a produción de celulosa, os sectores enerxéticos e unha longa lista de similiar factoría, son actividades proclives á degradación medioambiental, polo que debemos abrir debates racionais para recalar nun pacto social, harmónico, economicamente produtivo e eticamente respectuoso. Os erros, veñan de onde veñan, refútanse, pero nunca se decapitan ou queiman. Lograr convencer dos erros aos seus autores, son para unha sociedade sentimentalmente vitorias e xestos de ascensión social.
Á marxe destes problemas relacionados co medio ambiente, Galicia desángrase polas arterias do seu interior provocando un diagnóstico preocupante a causa dunha anemia letal nas súas aldeas. A comezos do século XXI, en Galicia había pouco máis de mil aldeas deshabitadas. Actualmente, das 30.432 aldeas que hai en Galicia, 1.895 están totalmente deshabitadas, 12.364 contan con dez ou menos habitantes e 1.090 cun único veciño. A triste realidade é que unha inmensa maioría das aldeas galegas delatan a soidade e o baleiro que as envolven, reflectindo unha paisaxe desolada e abatida. Onde antes había vida entusiasta e vibrante, o inexorable vaivén do tempo transformounas nun lugar de lamentable contemplación silenciosa. Xa non cantan os pazpallaus nas leiras de centeo nin nos agros de trigo, porque xa non se sementa. Emigraron os verderolos e os xílgaros, porque non poden facer o niño nas parras que desapareceron. As aldeas quédanse sen pulso e parecen restos apocalípticos dunha explosión nuclear.
As solucións ao abandono desas aldeas son desafíos difíciles de superar e no horizonte dun futuro mellor ábrense plicas de apostas demasiado arriscadas. Outras parecen máis viables, como sería a de promover o vínculo entre migración e desenvolvemento rural, aproveitando a inmigración como una oportunidade para revitalizar áreas despoboadas ou envellecidas. Hai outras moitas que propoñen as institución políticas e sociais, como a das aldeas modelo, que xa funcionan nalgunhas aldeas ourensás. O que parece claro é que o futuro das nosas aldeas converteuse nun gran segredo, mentres sobre as Institucións autonómicas e estatais descansa o peso dunha insoportable responsabilidade.
Pero Galicia nunca se rende e ten azos para superar ese abandono. Xa o manifestaba Adrián, personaxe da novela Arredor de si, de Otero Pedrayo:
“Estamos nun tempo de tránsito. Do tempo das ruínas ó tempo de traballo. Non sei como se ten dito que neste chan e baixo este ceo non se pode desenvolver unha forte vida moderna”.
Esa era a visión de Adrián ante os problemas da Galicia de mediados do século XX. Pero dentro da terceira década do século XXI na que nos atopamos, aquela Galicia cambiou de perfil. Os actuais habitantes da Galicia rural presentan moi pouco parecido cos Adrián de Otero Pedrayo, cos Balbinos de Neira Vilas ou cos viticultores do Ribeiro de Álvaro das Casas. O perfil dos novos aldeáns, sobre todo os do futuro inmediato, son traballadores dixitais, con horario legalmente regulado e cunha importante porcentaxe de orixe migratoria e multicultural.
Eles son quen de abrir unha pequena fenda de ilusión pola que entran asalariados, sobre todo xente nova, que traballan on-line en empresas e grandes multinacionais. Eses novos habitantes emigran da cidade para atopar solucións ao problema da vivenda, ao estrés dos ruídos, ao abafo das caravanas de tráfico e, especialmente, aos perigos da contaminación. Eses novos veciños do futuro inmediato modificarán, sen dúbida, a paisaxe e o modelo social das aldeas. Dese modo, os antigos cantos dos paxaros veranse reemprazados por teclados, por notificacións de dispositivos electrónicos e por video chamadas dos traballadores remotos. Crearán un modelo de aldea seguramente menos romántico que o do pasado, pero, polo menos, expulsarán das aldeas o silencio, a soidade e o baleiro no que se atopan agora. Esa pode ser unha saída digna. E, sen dúbida, eses novos inquilinos coidarán o medio ambiente, porque é unha xeración que leva no seu ADN o xene da sostibilidade e do respecto polo medio ambiente. Ese novo clima social facilitará que empresas como as hoxe premiadas poidan seguir elaborando os seus prezados produtos e que emerxan novos emprendedores que transformen as terras a ermo en fértiles viñas e en exuberantes pradarías. A eses futuros emprendedores, a asociación Álvaro das Casas espéraos aquí en Esposende e resérvalles máis dun premio Bacelos de prata.
MOITAS GRAZAS