- O programa, que busca impulsar a innovación nas empresas ourensás, celebrou catro obradoiros prácticos nos que participaron 13 empresas
- As pemes participantes pertencen a sectores que van desde a alimentación á formación, pasando por enerxía ou artes gráficas
- Na sesión de peche, Marisol Nóvoa presidenta da CEO, aproveitou para dar a coñecer o seguinte proxecto de Conecta Ourense: unha oficina itinerante para atender ás pemes do rural
- Norberto Penedo, director de Competitividade do Igape, participou na mostra de resultados que foron expostos por Juan Sobejano, consultor tecnolóxico de Innolandia
- Conecta Ourense asesorou este ano a 230 empresas, entre as que detectou 125 con potencial innovador
Ourense, 8 de outubro de 2024 || Coñecer as ferramentas de IA máis axeitadas para levar a cabo proxectos innovadores; identificar e valorar os problemas da peme; propoñer solucións para atopar a máis oportuna, e desenvolvela implementando un programa atendendo a costes e tempos. Estes foron os eixos dos tres obradoiros en liña e un presencial dos que constou o programa Fase 0 a IA aplicada a proxectos de innovación no que as empresas participantes foron recibindo as pautas e información para adaptalas á problemática de cada unha á hora de abordar a innovación.
Hoxe tivo lugar a última das sesións desta iniciativa, na que as 13 empresas participantes atoparon o xeito de aplicar a IA a procesos innovadores dentro da súa actividade en sectores variados como alimentación, beleza, moda, formación, artes gráficas, madeira, enerxía, xoiería, consultaría, turismo ou sostibilidade. A xornada desta mañá, celebrada en formato presencial desde primeira hora, serviu para desenvolver un plan de traballo detallado e convincente para cada proxecto con todo o aprendido nas sesións anteriores.
No peche da mesma, o titor Juan Sobejano amosou o avance das catro etapas das que constou o programa, e os seus resultados globais ata chegar á fase final de hoxe. Da súa intervención, así como do traballo desenvolvido, despréndense conclusións en positivo como a capacidade de calquera empresa para innovar, un recurso que non é exclusivo das grandes compañías; tamén defendeu o poder da IA para axudar nestes procesos, máis que para substituír, e avogou pola
cooperación público-privada para mobilizar recursos e iniciativas.
Balance dos datos de Conecta Ourense
Este proxecto, deseñado para fomentar as ideas innovadoras entre as empresas e emprendementos de Ourense, comezou hoxe o seu percorrido coa primeira de catro sesións formativas en liña. Esta primeira xornada foi presentada por María Fernández, responsable da Oficina Conecta Ourense, que deu paso á benvida institucional do director da área de Competitividade do Igape, Norberto Penedo, quen destacou “a importancia da IA non só na xeración de ideas innovadoras, senón tamén na execución dos propios proxectos” e reafirmou “o compromiso do Igape e da Confederación Empresarial de Ourense con este tipo de iniciativas”. A continuación, Juan Sobejano encargouse de explicar as particularidades da IA na innovación, e de propoñer e avaliar exercicios prácticos.
Este proxecto, coma o resto de iniciativas no marco de Conecta Ourense, foi deseñado para favorecer a adaptación do tecido empresarial da provincia aos escenarios actuais, e máis concretamente, no caso de Fase 0, para guiar ás empresas a través dunha metodoloxía contrastada para resolver retos e atopar solucións diferentes ás existentes no mercado. Este proxecto da CEO, que conta co apoio da Xunta de Galicia, a través do Igape e de Gain, busca que as empresas provinciais non só se adapten aos recentes cambios do mercado, senón que tamén se convertan en referentes de innovación.
Neste sentido, a presidenta da CEO, Marisol Nóvoa, destacou no peche do programa que despois de case 3 anos de traxectoria de Conecta Ourense, ‘esta iniciativa superou as expectativas en canto a empresas atendidas e orientadas para que optimicen mellor as axudas, e para que focalicen o seu potencial e alcancen parámetros máis innovadores, modernos e sostibles na contorna económica actual’. Nos datos que revelou Marisol Nóvoa de 2024, Conecta Ourense contactou con máis de 200 empresas que recibiron un total de 292 asesoramentos e 123 propostas a convocatorias públicas de Igape e Gain. As sesións, talleres e programas desenvolvidos por Conecta Ourense ao longo deste ano reuniron a máis de 400 participantes, e co programa rematado hoxe alcanza a cifra de quince xornadas. Conecta Ourense tamén creou grupos de traballo específicos para axudar ás empresas en todo o proceso de tramitación, execución y xustificación das axudas nas áreas de internacionalización, sostibilidade, dixitalización, competitividade e innovación.
Pola súa banda, Norberto Penedo, na súa intervención, destacou a importancia de que o tecido empresarial e a Administración vaian da man e, nesta liña, puxo en valor o papel que xoga a CEO no seu labor de apoio ás empresas ourensás. O responsable do Igape fixo fincapé en que a colaboración público-privada é imprescindible para afrontar os grandes proxectos que van permitir a transformación dixital e sostible do modelo económico, nun contexto como o actual, con moitos retos, pero tamén nun escenario con grandes oportunidades para as empresas galegas.
Conecta Ourense Rural Itinerante e o estudo da pegada de carbono, próximos proxectos
Conecta Ourense continúa coa posta en marcha de iniciativas, nesta ocasión para focalizar o apoio ás empresas nas contornas rurais e tamén para axudalas a medir a pegada de carbono na súa actividade. No primeiro caso, Conecta Ourense Rural Itinerante comeza hoxe mesmo coa presentación na comarca de Verín, para continuar percorrendo a provincia comarca a comarca. Os obxectivos que pretende esta oficina itinerante é impulsar o crecemento das pemes nas zonas rurais, facilitándolles o acceso a convocatorias públicas e crear espazos permanentes de colaboración e asesoramento. Co tempo, prevese cubrir toda a xeografía ourensá e establecer visitas de xeito periódico para que as empresas do rural poidan acceder a servizos en áreas clave de desenvolvemento como innovación, dixitalización, internacionalización e sostibilidade.
E a finais deste mes de outubro porase en marcha un novo desafío de Conecta Ourense, esta vez centrado na pegada de carbono, para o que se desenvolverá tamén un ciclo de catro sesións de traballo coas empresas ourensás que estean interesadas en dar este paso cara a unha actividade máis sostible.