Na Sede Afundación Ourense, as persoas inscritas asistirán a un relatorio sobre novidades e retos na seguridade viaria impartida polo xefe provincial da DXT en Ourense e o capitán da Garda Civil de Tráfico de Ourense
Será hoxe, xoves 17 de outubro, a partir das 11.00 h
16.10.2019. As socias e socios do Espazo +60 de Ourense de Afundación, a Obra Social de ABANCA, poderán participar mañá, xoves 17 de outubro, ás 11.00 h, na Sala de Conferencias da Sede Afundación Ourense, de maneira gratuíta e ata completar a capacidade, dun relatorio que impartirán o xefe provincial da DXT en Ourense, David Llorente Rey, e o capitán da Garda Civil de Tráfico da DXT en Ourense, Javier Barja Álvarez, sobre as novidades e retos na seguridade viaria, cuxo propósito reside en concienciar condutores, peóns e calquera persoa sobre a importancia da seguridade viaria na nosa vida cotiá. A conferencia abordará de maneira clara e accesible os avances máis recentes na materia, así como os desafíos actuais para garantir a seguridade de todas as persoas e destacará aspectos clave que poden ser de gran utilidade, como, por exemplo, os cambios recentes nas normativas de tráfico, o uso adecuado dos sistemas de seguridade e a importancia de respectar os sinais e límites en calquera contorna.
A iniciativa enmárcase na oferta de actividades da área de Envellecemento Activo de Afundación, a Obra Social de ABANCA, que permite a quen participa atopar nesta etapa vital novas oportunidades de crecer persoalmente, de seguir formándose, en contacto cos temas emerxentes e achegando activamente á sociedade, á vez que se goza de boa saúde.